Recibo na caixa do correo electrónico este convite para o lanzamento ou presentación da obra A relixión do mar, o novo libro de Xosé Iglesias, que vai ter lugar o vindeiro xoves 2 de febreiro ás oito da noite na compostelá Libraría Pedreira.
Do noso amigo Xosé Iglesias (Cee, 1974), mariñeiro e poeta ou poeta e mariñeiro, xa se falou aquí ou acolá, lembrando que mantén unha ben interesante e suxestiva canle propia de comunicación poética e do saber da súa arriscada profesión no mar a través de videos en youtube.
A relixión do mar gañou o IX premio de poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoranos. Dese libro reproduzo o poema «Costa da Morte», un dos textos que ten a Costa da Morte na súa cerna, que se pode escoitar recitado coa súa propia voz neste video, ao que segue o texto facilitado polo propio autor, a quen llo agradecemos e a quen parabenizamos polo premio e pola publicación. Medre o Mar!
(Adicado o profesor José Baña Heim , autor do libro
Costa de la muerte
Historia y anecdotario de sus naufragios)
Costa da morte
Camiña o vento na pedra
Nas árbores descarrilan as sombras
do semblante
Emerxe o alento místico da borrasca
O fío que cose os retais da dor
O martelo calafatea as feridas da noite
Nos cons están os coitelos
As voces dos afogados
As unllas que desgarran a mexilla
As baleas chaman os capitáns
No monte os bois
alumean o camiño do faro
O paso invisibel da santa compaña
Un carpinteiro de ribeira
constrúe un barco
Embarroa as cadernas
con unto de temporais
Un mariñeiro encarna as nasas
coa fame dos fillos
E dálle avante¡¡¡
Nos peiraos os lobos escriben
a historia de cada embarcación
Todo é luz todo é noite
Todo é calma todo é inferno
As situacións dos navíos
confúndese na xerfa.
Os crebeiros érguense cedo
para atopar restos do naufraxio
Cabo Fisterra, Vilán
Traba, Sisargas
Un home espido constrúe
un museo no argazo
Chove por riba dos bois
Levan nos cornos
os lóstregos da infamia
Dous rapaces famentos
ollan o horizonte