Presentación de novas publicacións do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom)


(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) presenta tres das súas novas publicacións este venres 4 de novembro ás nove da noite no Auditorio do Pavillón de Baio. Trátase dos seguintes títulos: O Horreo atlántico ou fisterrán. Cabazos e Cabeceiras da Costa da Morte e Barbanza, da autoría de Xosé Mª Lema Suárez e Carlos Fernández Concheiro; Iconografía xacobea nas igrexas e santuarios da Costa da Morte, de Xosé Mª Lema Suárez e Eva Mª López Añón e Textos literarios sobre a Costa da Morte de Xosé Mª Rei Lema, todas tres publicadas polo Semescom grazas ao proxecto ‘Percorrendo Vieiros da Costa da Morte’, aprobado pola Deputación da Coruña. Calquera delas merece a nosa atención (e picando no título pódese ler a síntese dos traballos), mais por tratar a temática do mundo literario reproducimos deseguida a sinopse do último:
«Case 300 anos de textos literarios dedicados á Costa da Morte, do ano 1728 ó 2010, compoñen a base desta publicación. Poesía, narrativa e teatro en diferentes linguas (galego, castelán, portugués, inglés, italiano), textos que falan desta terra, que como ben dixo Xelucho Abella ten uns límites emocionais máis que físicos, pero que nós consideramos a partir da súa habitual configuración (comarcas de Nemancos, Terra de Soneira e os catro concellos do oeste de Bergantiños). A distribución dos textos é cronolóxica, e dentro das entradas do mesmo ano distribuímolas seguindo unha orde alfabética dos seus autores.
Compoñen o corpus desta obra 156 entradas, que se corresponden con 167 textos de 130 autores. Desas 156 entradas, 95 son textos poéticos, 60 son narrativos e 1 é dramático; do mesmo xeito, 129 están escritos en galego, 18 en castelán, 6 en portugués, 2 en inglés e 1 en italiano. Como en toda antoloxía a escolla ten moito de subxectiva, pero consideramos que neste corpus aparece ben representado todo o territorio da Costa da Morte, e nel ofrécese un amplo percorrido pola literatura dos tres últimos séculos, considerando dende a escrita máis culta ata a popular.
O lector poderá atopar aquí a visión que 130 escritores teñen sobre a Costa da Morte, ou polo menos dalgún anaquiño desta terra, tanto de autores nativos ela coma de forasteiros que a coñeceron e souberon apreciar, como espero que aprecie o lector esta recolleita. Moitos deles coñecidos e outros non tanto».
E segue unha ampla listaxe de autoras e autores da Costa da Morte e de fóra (Federico García Lorca, poñamos por caso), entre os que tamén estamos os que fixemos parte do Batallón Literario da Costa da Morte.

Esta entrada foi publicada en Arte, Estudos literarios, Historia, Lendas e mitos, Narrativa, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.