Presentación de Elos de cinza, de Xosé Manuel Lobato na libraría Á lus do candil (Arteixo, venres 29 de maio ás 20:00 horas)

Elosdecinza
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Xa había tempo sen cadrarmos co libreiro e poeta Modesto Fraga e a súa compañeira Alba Rodríguez (desde a última Feira do libro de Cee como contamos aquí) e desta volta será no seu templo dos libros en Arteixo, que leva un foleano nome: Á lus do candil.
Neste espazo estaremos este vindeiro venres 29 de maio ás 20:00 horas para presentarmos a nova entrega narrativa do amigo Xosé Manuel Lobato, intitulada Elos de cinza (Ezaro edicións, 2015), do que agora saliento estes parágrafos tirados da contracapa, ao tempo que vos convido a partillar connosco o lanzamento da obra:
Un avó que narra dende os pousos da memoria, unha antiga deusa descoroada, un legado moi singular herdado por unha saga familiar… e un Espírito Moura senlleiro e orixinal. Estes e outros personaxes achegan folgos e latexan entre as néboas do pasado e as incertezas do presente, para conformaren dúas historias que se entretecen nun relato engaiolante. Unha narración áxil e intensa, onde a natureza configura un escenario sen parangón para que os Elos de cinza sexan ese universo ideal onde transita un…
Espírito imaxinario de halo encantado nunha ánima intanxible, de constante deambular sen parar. A única razón da súa existencia é innata a unhas actuacións inmersas no dinámico ronsel dos nosos devanceiros. Un ser que domina as adversidades e agudiza o enxeño nun maxín imaxinativo protexido nunha bretemosa intriga.
untitled

Esta entrada foi publicada en Narrativa, Presentacións. Garda a ligazón permanente.