Presentación de “Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina” o sábado 18 de febreiro, ás 11:30 no Museo do Pobo Galego

Este libro, que reúne 42 poemas e 12 ilustracións, quere ser máis unha expresión da inmensa solidariedade galega co pobo palestino. Do mesmo modo que millares de persoas saen ás rúas da Galiza en protesta polo xenocidio que o sionismo está a cometer en Gaza, poetas e artistas alzan aquí as súas voces e as súas mans para deixar constancia da dor e da rabia por tanto crime e tanta infamia, mais tamén da esperanza dun futuro de Paz e Liberdade en toda a terra da Palestina.

Os dereitos de autoría e os beneficios deste libro, impulsado conxuntamente polas entidades solidarias Galiza por Palestina, Mar de Lumes, Jenín e Pallasos en Rebeldía coa colaboración de BDS-Galiza, e materializado pola editora Tempo Galiza, irán integramente destinados á UNRWA para a axuda humanitaria á poboación de Gaza.

Do río até o mar, Palestina Vencera!

Poetas e Ilustradores/as: Álvarez Cáccamo, Xosé MaríaAngueira, AnxoCampo, MaricaCarballeira, PaulaCarrabouxo, Xosé LoisCastaño, YolandaDacosta, MartaDarriba, LuzDiéguez, LoisDomínguez Alberte, Xoán CarlosEspinosa, EstíbalizFernández Naval, Francisco X.Fernández Rial, RosalíaGracián, ÁnxelaIglesias, MonchoIglesias, XoséLedo, MargaritaLosada Cortizas, SabelaLugris, IgorNogueira, AranchaPedreira, EmmaRey Pasandín, LauraRíos, EliRivas, ManuelRomero, MedosSánchez, CesáreoSeixo Fernández, RicardoTeixeiro (TeiS), Eva; Val, Marga do; Valcárcel, Xulio L.Vaqueiro, VítorVilar, RafaVillar, Miro

Velaquí o meu poema:

GAZA ON FIRE /

Xenocidio televisado

Non hai noite na nosa noite cegada polo bombardeo

Mahmud Darwish

Paxaros de metal a me enxordar,

Aves que sementan desolación,

Labaradas de dor, de tanta dor.

E doe Palestina nos meus ollos,

Secos coma o deserto de al-Naqab.

Tanto sangue indefenso e de inocentes

Interrogándome onte, hoxe e sempre.

Nakba que non ollei, Nakba presente,

A historia condenada a repetirse,

Labaradas de dor, de tanta dor.

Intifada de pedras que a min veñen

Bater no corazón e na consciencia,

Revelarme as ofensivas infestas

E rebelarme contra o monte Sión.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Política, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta