PR. AS – 27 “Ruta Cueva da Osa”, desde Riodeporcos (Concejo de Ibias)


(video de Riodeporcos en youtube)
Mar levoume esta fin de semana até a casa de turismo rural Chao de Castro, en Riodeporcos (Concejo de Ibias). Esta casa de aldea foi restaurada con magnífica sensibilidade polos seus propietarios e goza dunhas excelentes instalacións (tamén un hórreo, un pombal e outras dependencias). Alén diso, a hospitalidade e o bo facer dos seus donos, Elma e Roberto, fai do espazo un lugar de acollida encantador, sen esquecermos a boa calidade dos almorzos, xantares e ceas, case sempre con produtos colleitados na propia aldea (a horta, o mel, as marmeladas, o suave viño que non se sobe á cabeza, …). Non é doado chegar até Riodeporcos, mais está só a media hora da Fonsagrada e a estadía paga moito a pena. Ademais posúe o encanto (malia a vertixe para min) de ter que deixar os coches a medio quilómetrio da aldea, a onde se chega camiñando e atravesando unha ponte colgante sobre o río Navia. Desde este lugar fixemos na mañá do domingo, aínda que só parcialmente (dado o tempo do que dispuñamos) o roteiro PR. AS – 27 “Ruta del desfiladero de Bustelín”, tamén coñecido como “Ruta Cueva da Osa” (perfectamente descrita neste blogue). Deunos tempo a ollar o desfiladeiro do río Bustelín, a cruzar polo lugar do mesmo nome, totalmente abandonado, e chegarmos até a Cova da Osa, ao pé da Pena da Aiga, antes de regresarmos polo mesmo camiño. Algún día completaremos este fermosísimo roteiro, sen dúbida. O día anterior visitamos os lugares de Ernes e O Foxo, xa en Negueira de Muñiz, co coche, pois agora chegan pistas asfaltadas até alí, e que antes estiveran totalmente illados e foran reconstruídos por comunas. Nestas terras o director galego Ignacio Vilar vén de rodar a súa nova película Vilamor, que ten a súa estrea prevista para o outono. E tamén por aquí se rodou o documental “Eloxio da Distancia”, escrita e dirixida por Felipe Vega e Julio Llamazares. De regreso, á noitiña aínda tivemos tempo a baixar unhas cervexas na vila de Negueira de Muñiz. Unha fin de semana magnífica, en todos os sentidos.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Contos, Lendas e mitos, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “PR. AS – 27 “Ruta Cueva da Osa”, desde Riodeporcos (Concejo de Ibias)

  1. Pingback: As crebas » PR. AS – 27 “Ruta del desfiladero de Bustelín”, tamén coñecida como “Ruta Cueva da Osa”

Os comentarios están pechados.