Por un ensino público e de calidade


(Foto da CIG-Ensino. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Cando conduzo entre as tres e catro da tarde é o único momento que sintonizo a Radio Galega, para escoitar o Diario Cultural, cuxa redacción a integran tres excelente poetas, Ana Romaní, Anxo Quintela e Xiana Arias Rego. Pois ben, hoxe, logo de rematar e antes de mover o dial escoitei o boletín informativo das catro da tarde, cinco minutos de noticias e ningunha delas foi que máis da metade do profesorado galego non acudiu aos centros de ensino públicos por folga. Outro exemplo máis da manipulación dos nosos medios de titularidade pública. Para combater este silencio reproduzo a valoración que fai o meu sindicato:
A CIG-Ensino valora positivamente o seguimento da xornada de folga que afectou a todos os centros de ensino público en Galiza e foi secundada maioritariamente polo profesorado. “Isto evidencia, unha vez máis, o rexeitamento do profesorado como tamén das nais e pais aos reaxustes que a consellaría de Educación está levando contra o ensino público”, afirmaba Anxo Louzao á saída da manifestación da Alameda compostelá. O secretario nacional de CIG-Ensino denunciou ademais o uso partidista que continuamente está a facer a consellaría de Educación dos medios de comunicación públicos galegos. “Exixímoslle ao conselleiro que abandone a política de propaganda que fai tanto desde a páxina web da consellaría como dos medios e que deixe de mentir sobre as consecuencias que terán as políticas que está a impor a consellaría e sobre o seguimento das mobilizacións”. Anxo Louzao agradeceu expresamente o apoio que se está a recibir por parte das nais e pais e mesmo das ANPAS, entre as que salientou á Federación de ANPAS de Colexios Públicos de Compostela. “Son a mostra máis palpable de que estamos ante medidas de recorte moi lesivas para o ensino público”. Medidas que concretou no agrupamento do alumnado en distintos niveis educativos, nun importantísimo número de profesores/as, preto de 1.000, que teñen que impartir materias que non son da súa especialidade, carencia de prazas en F.P e na educación permanente de adultos, na dotación de máis de 1.000 profesores menos nos centros de ensino e na falta de recursos, tanto materiais como humanos para atallar o fracaso escolar, entre outras. “A imposición da aplicación do horario lectivo do profesorado e de realización de funcións que non lle son propias, como custodia do alumnado que usa transporte escolar, non só se trata dunha medida que prexudica ás condicións laborais dos profesionais do ensino senón que impón que moitos labores que tiñan que levar a cabo sexan imposíbeis de realizar, a non ser que a consellaría impoña un horario superior ás 37 horas e media actuais”, afirmou, salientando que, fronte á imaxe que pretende dar a consellaría, hai moito profesorado que ven ampliando o seu horario de forma altruísta. Despois de todas as mobilizacións que se teñen desenvolvido até o de agora, con catro manifestacións, dúas folgas xerais e varios paros de brazos caídos, a CIG-Ensino considera que isto debería obrigar ao conselleiro a “mudar a súa actitude, abandonar o seu autoritarismo e asumir as súas responsabilidades”. Do mesmo xeito, a CIG-Ensino exixe que cesen os ataques ao ensino público, ao que a consellaría “pretende enterrar, retire a imposición de ampliación do horario lectivo e de vixilancia do transporte escolar e dote dos recursos necesarios o ensino público.

Esta entrada foi publicada en Manifestos. Garda a ligazón permanente.