Pola continuidade da edición dixital de Xornal.com


Hoxe tiven unha esgotadora xornada, con varias tarefas e non todas relacionadas coa creación literaria, mais no tempo de lectura dos xornais aínda puiden asinar un manifesto elaborado polas traballadoras e os traballadores de Xornal de Galicia, agora nun ERE de extinción tamén da edición dixital. Son o asinante 272 e se vós queredes engadir a vosa sinatura este é o lugar.
Antes podedes ler o texto:
Pola continuidade de xornal.com
O escenario da prensa galega, malogrado nos últimos meses polo peche de varios medios da mesma tendencia ideolóxica, afronta co presumible peche de Xornal.com unha nova perda, poucos días despois do peche definitivo da cabeceira histórica A Nosa Terra, que fora propiedade do Grupo SanJosé, ao igual que o diario impreso Xornal de Galicia. A menos de dous meses das elección xerais, Jacinto Rey enterra dúas cabeceiras históricas que contribuían ao pluralismo informativo de Galicia claudicando ás presións políticas.
Os asinantes deste manifesto reivindican a viabilidade e continuidade da edición dixital de Xornal.com, nada hai 12 anos, así como o mantemento de emprego. A empresa, malia aos reiterados requirimentos do comité de empresa, non presentou en ningún momento un plan de viabilidade serio sobre o futuro do portal web. No entanto, os estudos de mercado presentados no ERE no que están inmersos os traballadores admiten que o futuro do mercado xornalístico está vencellado á rede.
Xornal.com, o primeiro diario dixital que naceu en Galicia, sitúase na actualidade entre os catro máis lidos na rede e ten un promedio diario duns 25.000 lectores, alcanzando picos de preto de 40.000. Ademais, en canto ao tempo de permanencia no sitio, dato que indica a calidade destas visitas, Xornal.com sitúase á cabeza dos medios dixitais do país ao superar os seis minutos de estadía, algo fundamental para o mercado publicitario.
Ademais das consecuencias laborais e xornalísticas, o peche de Xornal.com implicaría a perda de doce anos de patrimonio do periodismo galego, nun momento especialmente duro para o conxunto da profesión e da cultura e lingua do país, dado que a empresa non ten polo momento plan ningún para conservar as súas hemerotecas, tanto na súa versión dixital como na empresa.
Por todo isto, os asinantes reivindicamos a continuidade desta cabeceira histórica do xornalismo galego.

Esta entrada foi publicada en Lingua, Manifestos. Garda a ligazón permanente.