Pola boca morre o peixe…


Máis unha vez algún medio de comunicación (pois a maioría calan ou terxiversan a noticia) dan conta da verborrea fascistoide que caracteriza ao inquilino do Pazo de Raxoi como actual (que non perpetuo) alcalde de Santiago de Compostela. “Van a sentir nuestro aliento en la nuca”, rematan as súas palabras dignas dunha antoloxía do trasnoitado fascismo puro e duro. Non é a primeira (lembremos as súas arroutadas contra ese magnífico espazo cultura que era a Sala Nasa ou contra a Gentalha do Pichel), nin será a última decerto. Desta volta as súas saídas de ton foron proferidas contra os grupos alternativos que nos escasos cinco días de okupación da Sala Yago, antes da violencia policial aquí referida, cometeron os “graves delictos” de reivindicar novos usos culturais para este predio, que pertence a unha familia que quere especular co espazo e que levaba pechado desde xuño do 2007. “Graves delictos” como o feito de poñeren a funcionar a antiga máquina de proxeccións, ou representaren obras de teatro e espectáculos de circo ou realizaren obradoiros e palestras. Curiosamente, as declaracións saen á luz pública o mesmo día que foi a inaugurar ao pé da fastosa Cidade da Cultura a nova denominación dunha rúa que agora vai levar o nome do ministro franquista, Fraga Iribarne, para vergoña da cidadanía consciente de Santiago de Compostela, e contra a que nós xa nos pronunciamos neste foro. Haberá que rescatar aquel coñecido berro de “Fóra fascistas da vida pública!!!”
E para os desmemoriados unha recomendación, este magnífico libro do xornalista Gustavo Luca de Tena do que reproducimos a portada.

Esta entrada foi publicada en Historia, Manifestos. Garda a ligazón permanente.