Poesía nas estremas da Costa da Morte. Mañá, venres 7 de decembro


(Cartaz editado pola libraría Á lus do candil de Arteixo)
A poesía vai asolagar as estremas da Costa da Morte no día de mañá, venres 7 de decembro, ao coincidiren dúas lecturas ou recitais colectivos en Arteixo e Lira (Carnota), que para nós non pertencen strictu sensu ao devandito territorio, tal e como temos escrito na introdución á antoloxía De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte (Sotelo Blanco / Asociación Neria, 2009):
«Moito se ten escrito sobre a Costa da Morte e mesmo se ten polemizado sobre os seus límites, daquela optouse pola opción máis seguida e que acada un maior consenso, aquela que entende que a Costa da Morte é un espazo xeográfico que vai dende as Illas Sisargas en Malpica de Bergantiños ata a península de Fisterra. Desta maneira comprendería os concellos das comarcas de Fisterra, tamén chamada Nemancos, (Fisterra, Corcubión, Cee, Dumbría e Muxía), da comarca Terra de Soneira (Camariñas, Vimianzo e Zas) e do Bergantiños costeiro (Laxe, Cabana, Ponteceso e Malpica). Fóra quedarían terras estremeiras como Carnota e Muros polo banda do Sur ou tamén Carballo, A Laracha, Arteixo e A Coruña pola banda do Norte».
Porén, moitos autores defenden outros límites para a Costa da Morte que inclúen os concellos de Arteixo e Carnota. No primeiro deles a libraría Á lus do candil (da que tamén falamos aquí e acolá) que o amigo poeta fisterrán Modesto Fraga e a súa compañeira Alba abriron no pasado xullo nesa localidade vai inaugurar o seu ciclo literario con este convite:
«Temos moito gusto en comunicarvos que este venres, 7 de decembro, ás 20:00 horas na libraría Á lus do Candil (rúa Historiador Vedía 3. Arteixo), daremos comezo ao ciclo literario “POESÍA Á LUS DO CANDIL”.
O obxectivo que nos marcamos coa organización dun ciclo poético destas características non é outro que render merecido tributo á literatura escrita na nosa lingua e, de paso, homenaxear os colectivos de escritores que na década dos anos 90 contribuíron a dinamizar a poesía e, por extensión, a literatura galega.
Nese senso, co ciclo “POESÍA Á LUS DO CANDIL”, evento singular e novidoso sen ningún parangón nos sistemas peninsulares da nosa contorna, queremos convocar de novo a voz comprometida dos poetas nun momento sombrío e difícil para a expresión artística en xeral e para a poesía, en particular.
Abrirán este ciclo poético os autores e autoras do colectivo “Hedral” da Coruña, grupo creado ao abeiro da Agrupación Cultural O Facho e que se deu a coñecer por volta de 1995 coa publicación dos Cadernos de Azertyuiop no que aparecen editadas obras dalgúns dos seus integrantes.
Os poetas que van tomar a palabra no acto do venres son Alfredo Ferreiro, François Davo, José António Lozano, Luís Maças, Mário Herrero, Pedro Casteleiro e Tati Mancebo.
A entrada é libre e gratuíta».
Por parte, en Lira (Carnota) celébranse, xa desde hoxe e até o domingo, as xornadas 2002-Prestige-2012 “Dez anos de loita por un mar de vida” (lede o díptico superior) que inclúen tamén mañá, ás 19,30 h. o recitado de Alexandre Nerium, Ana Romaní, Anxo Angueira, Eva Veiga, Francisco Souto, Luís Rei Núñez, Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Miguel Mato Fondo, Modesto Fraga e X. H. Rivadulla Corcón, alén de eu propio e supoño que tamén do “armadanzas” desta historia, Francisco “Chisco” Fernández Naval.
Moita poesía pois a que se vai escoitar dunha estremeira a outra da Costa da Morte.


(Díptico das xornadas “Dez anos de loita por un mar de vida” en Lira. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía, Xornadas. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Poesía nas estremas da Costa da Morte. Mañá, venres 7 de decembro

  1. Moi agradecido pola divulgación, compañeiro, e por estares sempre tan atento aos eventos poéticos.
    Aperta fraterna.

Os comentarios están pechados.