Poesía completa, de Lois Pereiro (edición de Ana Acuña), premio ao mellor libro de poemas na Noite da Edición


Onte estivemos na VII Noite da Edición, na que a Asociación Galega de Editores (AGE) fixo entrega dos seus premios. Desta volta nunha fermosa pousada compostelá que aínda non coñecíamos, A Quinta da Auga (que na súa páxina como sucede adoito non posúe opción para a nosa lingua), xa que desta volta a organización ía por conta dos editores de Santiago.
Bretemada, o libro inédito de Gonzalo López Abente, que editou Alvarellos, estaba nomeado como finalista na categoría de mellor libro de poesía. Por esta razón aló estivemos, alén do noso editor Henrique Alvarellos; Félix Porto, alcalde de Muxía e presidente da Fundación Gonzalo López Abente; X. H. Rivadulla Corcón, poeta e vicepresidente da entidade e eu propio como autor da edición literaria. Porén cumpríronse os prognósticos e gañou o favorito e máis mediático, xa que o galardón foi para a Poesía completa de Lois Pereiro, editada por Xerais, nunha compilación preparada pola miña amiga Ana Acuña Trabazo, quen non estaba no acto. Os nosos parabéns para ela e tamén para o selo editorial que dirixe Manuel Bragado.
Nas outras categorías os premios foron deste xeito:
Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción do ano: Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz. Mención especial a Centauros do Norte, de Marcos Calveiro.
Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao mellor autor do ano: Xavier Queipo.
Premio Ánxel Casal ao libro de non ficción: Obra Gráfica de Conde Corbal, editado por Nova Galicia Edicións. E mencións para O escano baleiro. No Caurel con Uxío Novoneyra, de Xulio Valcárcel (Biblos) e para Loita de clases, a represión franquista no mar, de Dionisio Pereira (Xerais).
Premio Xosé Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil: Xa me tardan eses magos, de Mamá Cabra (Galaxia). E mencións especiais para O Apalpador e a castaña máxica, e para a edición de Conto de Nadal, de Charles Dickens.
Premio Lois Tobío ao libro traducido: Sonetos de William Shakespeare, traducido por Ramón G. Izquierdo (Xerais).
Premio Isaac Díaz Pardo ao libro ilustrado: Contos por teléfono, de Pablo Otero (Kalandraka). Mención a Lois Pereiro breve encontro, de Jacobo F. Serrano, de Xerais.
Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ao libro educativo: As mulleres en Galicia no século XX, de Jesús de Juana (Ir Indo). Mención a Un cadro de Velázquez, de Claire nD’Harcourt, editado por Kalandraka.
Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial do ano 2011, Transformacións de álbums ilustrados en series de animación audiovisual: Os contos do camiño e Caracois.
O libreiro Xesús Couceiro, que hoxe facía 43 anos que abrira a súa libraría, recibiu o Premio Fernández del Riego por todo unha vida adicada á promoción da nosa literatura e da nosa cultura e Andavira Editora o Premio á Edición Histórica.
Finalmente no acto rendéronse senllas homenaxes videográficas aos desaparecidos Isaac Díaz Pardo e a Carlos Casares.

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada, Contos, Ensaio, Historia, Infantil, Narrativa, Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Poesía completa, de Lois Pereiro (edición de Ana Acuña), premio ao mellor libro de poemas na Noite da Edición

  1. Carme di:

    E alguén se preguntou por que non estaba Ana Acuña? Parabéns aos premiados e en especial parabéns a Ana Acuña!

    • Teríades que lle facer a pregunta a Manuel Bragado, xa que o restos dos autores de Xerais estaban na Noite da Edición. Quero supoñer que estaría convocada e que por algunha razón persoal non puido asistir. Tamén me estrañou que o seu nome apenas fose citado, cando foi a autora da edición literaria e do inmenso traballo que atesoura o devandito volume. Cousas do País!!!

  2. Pingback: Premios Anxel Casal 2012 para varios libros editados por Xerais | Xerais

Os comentarios están pechados.