Poesía Completa de Gonzalo López Abente, recensión de Teresa Seara en Grial


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
No último número, 201 (xaneiro, febreiro, marzo do 2014), de Grial, Revista Galega de Cultura, que acaba de chegar ás librarías e que tamén se pode adquirir en edición dixital na propia páxina da Editorial Galaxia, a crítica e profesora Teresa Seara publica unha cumprida recensión da nosa compilación da Poesía completa de Gonzalo López Abente, publicada por Espiral Maior en coedición coa Fundación López Abente).
Deseguida reproduzo tamén aquí o texto:
Filigrana
Aínda en vida, Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963) foi considerado por Vicente Risco un clásico, Varela Jácome viu nel un símbolo do seu grupo xeracional e Sebastián Risco un digno sucesor das voces que, desde Mendiño até Rosalía de Castro ou Eduardo Pondal, representan o summun da nosa lírica. O dominio métrico e o atinado tratamento de temas non por universais menos relevantes -que son transmitidos dunha forma diáfana mediante unha linguaxe culta e dotada, como aprezou Aurelio Aguirre, dunha gran forza expresiva- elevaron a López Abente á categoría de mestre. Porén, a súa figura era case descoñecida, malia terlle sido dedicado o Día das Letras Galegas en 1971, e o groso da súa obra inaccesible até hai ben pouco, exceptuando dúas iniciativas (a Antoloxía poética de 1995 e a edición, en 2011, do inédito Bretemada) que, da man de Miro Villar, representan un firme empeño por recuperar a súa voz do esquecemento. Por iso debemos congratularnos da saída do prelo da súa Poesía completa, baixo o auspicio da Fundación Gonzalo López Abente e de Espiral Maior que arriquece así con outro persoeiro esencial do noso acervo literario a xa prestixiosa colección Ópera Omnia.
Neste volume Miro Villar demostra, de novo, que é un erudito na obra abentina e así se apreza no exhaustivo prólogo, no minucioso compendio da produción espallada na prensa e no coidado exquisito con que edita un corpus composto polos poemas de xuventude -escritos aínda en castelán-, os oito libros, os textos dispersos en revistas da súa bisbarra natal e tamén de América, os manuscritos e mecanoscritos inéditos e os poemas traducidos a outras linguas (castelán, francés e portugués).
A modo de apéndice, o libro recolle tres agarimosos textos de homenaxe (de Johán Carballeira, Jenaro Marinhas del Valle e Avelino Díaz) e unha partitura onde Miguel Brotóns se inspira no poema “O meu mar”.
Adoito Gonzalo López Abente plasma nos seus versos as vivencias máis dolorosas do ser humano pero faino confortado por unha profunda relixiosidade que vertebra todo o seu discurso, un sentimento de trascendencia que prevalece sobre as preguntas existenciais e do que o eu poético obtén conformidade fronte ás probas que a vida lle depara. A poesía concíbese como un exercicio catártico, un don divino, o verdadeiro alimento da alma, “unha filigrana, / un encaixe sotil onde a humana / fantesia quedase en suspenso”, preservada por quen nos ofrece un canto onde “alenta un algo imborrábel entranado nas verbas ditas na soedade e máis no silencio”, como sinala Salvador Lorenzana.
Pero ademais López Abente leva o mar da Costa da Morte ben cinguido ao espírito, en palabras de Sebastián Risco, inserto no centro máis sensitivo do corazón xa que o mar é elemento central que desborda o verso e impregna con salitre as palabras que nos falan dos “sentimentos primarios e prepotentes do curazón dos homes”, segundo Vicente Risco. Xa que logo, como afirma Manuel Vilar Álvarez, “Se lemos a Abente estaremos camiñando polas páxinas da nosa historia, percorreremos o noso territorio cunha guía excelente, (…) descubrindo os vellos topónimos xa esquecidos, (…) estaremos descubrindo a paisaxe coas xentes que a construíron e entrando no imaxinario das mesmas”, por máis que o propio López Abente confesase: “non fixen a obra soñada/ (…) O que fixen, foi esto que vedes: / unha ruin obra de valor valdeira… / mais, sexa o que queira, / esta obra ruin ahí a tedes”, reunida nas páxinas deste volume imprescindible.
Teresa Seara

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.