Poemas (XXXX): «Mea culpa», de Antero de Quental


Na anotación «Un doodle para Antero de Quental» falaba do meu interese por este poeta portugués coa súa citación no meu primeiro libro de poemas, o sonetario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992). Na terceira parte do libro, intitulada «De ti e das palabras», e que principia sempre cada poema co verso dun poeta moi coñecido, está un soneto que se inicia cun verso do libro Rimas (1595) de Camões, «Transforma-se o amador na cousa amada», hai unha homenaxe explícita aos poetas italianos do dolce stil nuovo, que coñecín e lin da man do Darío Xoán Cabana, mais tamén aos portugueses Antero de Quental, Sá-Carneiro e Camões.
Pois ben, con posterioridade, tamén quixen renderlle homenaxe no meu Abecedario da desolación (Espiral Maior, 1997), no que a cita dun fragmento dun texto seu figura como entrada do poema da letra Q. Velaquí o soneto orixinal de Antero de Quental intitulado «Mea culpa», dos seus Sonetos completos, que tamén podedes ler nesta ligazón:
«Mea culpa»
Não duvido que o Mundo no seu eixo
Gire suspenso e volva em harmonia;
Que o homem suba e vá da noite ao dia,
E o homem vá subindo insecto e seixo.
Não chamo a Deus tirano, nem me queixo,
Nem chamo ao céu da vida noite fria;
Não chamo à existência hora sombria;
Acaso à ordem; nem à lei desleixo.
A Natureza é minha mãe ainda…
É minha mãe… Ah, se eu à face linda
Não sei sorrir; se estou desesperado;
Se nada há que me aqueça esta frieza;
Se estou cheio de fel e de tristeza;
É de crer que só eu seja o culpado!
E agora o meu texto que incorpora como cita o derradeiro terceto:
Q
Se nada há que me aqueça esta frieza;
Se estou cheio de fel e de tristeza…
É de crer que só eu seja o culpado!
Antero de QUENTAL
un apoucado sopro na voz e na tibieza
os ollos fuxidizos, pupilas de mercurio
e corazón de cromo que creba no contacto,
mínimo tocamento da torpeza meirande.
¡canto amor de gacelas houbo na despedida!
o adeus incomprendido no rostro máis amado
e o silencio na boca barbada do desexo
e a dor, meticulosa cosedura no ricto,
delicado suborno da razón e do afecto.
¡canto amor de gacelas houbo na despedida!
a mensaxe vermella nos dous labios pechados
e na roupa cinguida, nos peitos palpitantes,
no lume do arrepío máis desesperanzado
e no nome indeciso que agroma repentino.
¡canto amor de gacelas houbo na despedida!
un percorrido inútil de palabra en palabra,
outra voz que promete misivas do recordo
e unha imaxe que impregna súbito na retina
para ser un segredo violento da soidade.
¡canto amor de gacelas houbo na despedida!
música que se alonxa no andar vivo e lixeiro
de pasos que postergan definitivamente
o amor dun río en curso. desaparece a tarde,
desaparece a noite, desaparece todo.
¡canto amor de gacelas houbo na despedida!
(De Abecedario da desolación)

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.