Poemas (XXIV): «Revelacións e non Misterios», de Xervasio Paz Lestón


Na memoria de Isaac Díaz Pardo reproduzo o poema do muxián Xervasio Paz Lestón intitulado “Revelacións e non Misterios”, que recollín na miña Tese de Licenciatura, dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudio [Sada: Do Castro, 1998. ISBN 84-7492-906-7]. Na presentación deste groso volume que publicou Edicións do Castro entre o público sentou o propio Isaac Díaz Pardo para nos acompañar e escoitar a Alonso Montero, ao fillo do poeta, o doutor Juan Gervasio Paz  (que había falecer meses despois no seu Bos Aires) e a min propio.
“Revelacións e non Misterios”, de Xervasio Paz Lestón, aparecera antes na revista Alborada, nº 156 (Bos Aires, febreiro a maio de 1953), e fora reproducido por Xesús Alonso Montero en “Manifestos” en verso en favor da poesía civil nos primeiros tempos da posguerra na Galicia da terra e na Galicia emigrante (1939-1962), A Coruña, RAG, 1993.
Revelacións e non Misterios
Xoglares da Galiza pelegrina,
trovadores sin Patria que levades
encravado no peito o duro aceiro
das angurias da Terra asoballada,
vinde conmigo pra canxar as voces,
que temos de entonar valente canto.
Deixémonos de esculca introspeitiva
ou de inventar, cecáis mentidas penas
cantadas en linguaxe sibilino
que nin nosoutros mesmos entendemos.
¡Cumprámol-a misión dos nosos días
cargados de tremendas amiazas!
Os de agora non son tempos doados
pra afundirse na sima dos instintos
disfrazando con líricas metáforas
as lascivas pasións que nos consomen;
nin de escarabellar na podredume
das humanas miserias,
armados do escalpelo, hoxe de moda,
da máis torbe e falaz filosofía… … …
¡Non son xornos de torres metafóricas!
¡Quen non erga hoxe a voz en son de loita,
traballa sin querer pras tiranías
que, coa fame dos pobos,
engordan o feroz imperialismo
dirixido por fatos de amorales!…
Escusemos seus versos decadentes
aos que moran no chan da Terra escrava
faltos de alas de luz pra o pensamento,
cos espritos en somas mergullados.
Pro, nós que estamos ceibes,
percuremos suplilos na laboura
que non poden cumplir,
entonando, por todos, rexos cantos
con voces craras e sinxelas verbas.
Máis que nunca, as concencias
“queren revelacións e non misterios”.
¡Que esta frase do gran celanovense
nos sirva coma lema no futuro
e que o numen xenial do rexo Bardo
sexa noso guieiro e nos inspire!

Esta entrada foi publicada en Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.