Poemas (XLI): «Cando ti volvas», de Valentín Paz Andrade


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Esta ilustración do meu caro amigo Héitor Picallo foi portada hoxe do suplemento cultural co que homenaxearon a Valentín Paz Andrade hoxe, Día das Letras Galegas, os xornais El Correo Gallego e o dixital Galicia Hoxe.
Alén da biografía que Paz Andrade escribiu sobre o guieiro galeguista Castelao na luz e na sombra (1982), a min interesoume o poeta e aínda sen me debruzar sobre a súa Poesía completa, editada por Xerais e compilada por Gregorio Ferreiro Fente, coñecía os seus libros Pranto matricial (1955), escrito in memoriam de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao que finou en Buenos Aires o 7 de xaneiro do 1950; Sementeira do vento (1968) e Cen chaves de sombra (1979).
Do primeiro reproduzo deseguida o antolóxico poema «Cando ti volvas».
Cando ti volvas
Na matricial Galiza, sempre túa,
que dende a Torre de Hércules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas polo mare;
de toxo unha fogueira en cada monte,
cando ti volvas polo mare;
dos castros na coroa unha cachela,
cando ti volvas polo mare;
unha loura candea en cada pino,
cando ti volvas polo mare;
o seu cirio de frouma os alciprestes,
cando ti volvas polo mare;
luces de ardora branca en cada mastro,
cando ti volvas polo mare;
un farol mariñeiro en cada dorna,
cando ti volvas polo mare;
veliñas á xanela en cada casa,
cando ti volvas polo mare;
e as pérolas das bágoas derramadas,
cando ti chegues polo mare,
cando ti cheges polo mare…

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada, Ensaio, Poesía. Garda a ligazón permanente.