Poemas (XI): Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967–1995), de Farruco Sesto


No último número, 190, de Grial Revista Galega de Cultura, que acaba de chegar ás librarías e que tamén se pode adquirir en edición dixital, publico unha recensión do volume Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967–1995), de Farruco Sesto, que publicou Espiral Maior, con prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín e introdución e edición literaria de Yolanda Castaño. Farruco Sesto (que mantén dous blogues: confarruco e cuadernosparalacomuna) é un poeta galego emigrado a Venezuela en 1962, onde militou diversas formacións comunistas até confluír no chavista PSUV actual, alén de ser arquitecto, urbanista e profesor recoñecido, e tamén ter cargos de moito relevo nos sucesivos gobernos bolivarianos, entre eles o Ministerio de Cultura. Neste volume compílase a súa poesía en galego até 1995, nove libros: Da estrela e da fouce (1967), Achegamento aos trebellos (1970), Por unha muller (1971), UPG Poemas (1973) e Porta aberta (1975), o inédito Cancións e poemas dispersos, da mesma época, Isolda (1990), Cuestión de nomes (1990) e Auga final (1995). A miña recensión do conxunto remata así: “A palabra afastada de Farruco Sesto, nestas case tres décadas que abrangue a compilación da súa poesía galega, está lonxe de requintados artificios retóricos, a tensión expresiva e a densidade de pensamento son algunhas das marcas que nos deixa un autor que lle comentaba ao poeta Daniel Salgado nunha entrevista recente: ‘Comecei a escribir en galego mais por razóns políticas que literarias’. Aquel contexto mudou mais non o interese por facer parte dun campo literario como o noso. Benvida sexa a súa decisión e a súa toma de conciencia, para aprendermos neste país de ananos desertores da lingua e para gozarmos da súa poesía”.
E velaquí un dos seus poemas:
GUME DA PALABRA
Sexa benaventurado o que de nomes se alimenta.
E sexa perdonado.
Sexa tido en conta o que de palabras se viste
E por elas malvive.
O que se arriscou no xogo de mans da escritura
E feriuse con ela, cos seus vidros rompidos.
Sexa conducido ao ceo mesmo dos inocentes
O que acometeu a desventura da palabra.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Estudos literarios, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Poemas (XI): Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967–1995), de Farruco Sesto

  1. Pingback: As crebas » Neste 25 de xullo, Día da Patria Galega, esta fiestra pendura a bandeira galega co escudo de Castelao

Os comentarios están pechados.