Poemas (VII): Manuel Antonio, de Aquilino Iglesia Alvariño


Malia estar anunciada a miña presenza no programa, unha estadía en terras portuguesas (Guimarães, Coimbra e Conimbriga, Penela, Castelo Branco, Idanha-a-Velha, Monsanto, Penha Garcia e de regreso por Viseu) non me permitiu chegar a tempo para a homenaxe que o Pen Clube de Galicia organizou no 50 cabodano na morte de Aquilino Iglesia Alvariño. Unha crónica do devandito acto pódese ler aquí (e na fotografía do Galicia Hoxe os poetas Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo e o “Che”, Luís González Tosar). Por certo, hai que ver coma o Concello de Santiago de Compostela tamén reivindicou a homenaxe como propia. Cousas veredes!
Na memoria de Aquilino reproduzo do seu libro Nenias (1961) o poema a “Manuel Antonio“.
Por un mar verde de oucas
levara o seu barco a toas.
Ai, noso amigo!
Nun mar de oucas verdegado
boyara a toas o barco.
Ai, noso amigo,
capitán de alto navío!
Crara estrela, a súa gamela
noviña foise coa néboa.
Ai, noso amigo!
E aquela frol dos naufraxios
desfollouse contra os fachos.
Ai, noso amigo,
capitán de alto navío!
Noviña foise coas sombras,
sin vento, ó correr das ondas.
Ai, noso amigo!
Desfollouse contra os fachos
de noite, DE CATRO A CATRO.
Ai, noso amigo,
capitán de alto navío!
1947

Esta entrada foi publicada en Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.