Poemas (VI): Ortigas, de Xiana Arias Rego


O título do citado libro de Julio Llamares, Versos y ortigas, tráeme á memoria outro dunha poeta galega, Ortigas, de Xiana Arias Rego, XIX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, do que fixen unha recensión para o Anuario de Estudos Literarios Galegos 2007 (pp.191-193) que editaba Galaxia, pois xa desapareceu. Nesas páxinas dicía que o libro está dividido en sete apartados, mais hai unha medula que percorre todo o espiñazo, a presenza das “lauras”, unha sorte de sinécdoque das mulleres como vítimas da violencia machista. Outras simbolizan a condición de mulleres condenadas á ablación, á prostitución ou á violación, con versos duros. No eido formal a poeta cultiva breves poemas en prosa, aínda que a narratividade está sempre presente até nas composición máis líricas, adoito en estruturas dialóxicas e continuas obxectualizacións do cotián. Dialéctica, narratividade, tensión dramática e teima por fuxir do convencionalismo caracterizan unha lectura para a reflexión.
A recensión completa pódese ler na páxina de poesiagalega.org
E velaquí un dos seus poemas, intitulado “Ídevos”.
ÍDEVOS
Pero non se van.
Non abonda con querer que pase.
Ídevos.
Quedan.
Érguense e volven sentar a gargalladas.
Agárranme da orella e dinme:
es unha estúpida se pensas que para non ver chega con pechar os ollos.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.