Poemas para os megálitos (III): «Dolmen», de Lorenzo Varela

Dolmen-Varela-Seoane
Dolmen-LorenzoVarela1Dolmen-LorenzoVarela2
(Gravado de Luís Seoane que acompañou o poema na súa edición e manuscritos autógrafos de Lorenzo Varela).
No centenario de Lorenzo Varela era ben lembrarmos no II Simposio do Megalitismo da Costa da Morte o seu poema «Dolmen», publicado no poemario Lonxe (Bos Aires: Botella al Mar, 1954, con prólogo de Arturo Cuadrado e ilustrado con dez xilografías de Luís Seoane.
Os manuscritos foron tirados do artigo de Gregorio Ferreiro Fente, «“Lonxe”, “Dolmen” e “Compañeiros da miña xeneración mortos ou asasiñados”: os seus textos autógrafos». Boletín da RAG, nº 366, que se publicou logo de se lle dedicar o Día das Letras Galegas en 2005. Deseguida reproducimos os versos de Lorenzo Varela.
DOLMEN
Camiño do tempo vello,
camiño do tempo novo:
pedra dos tempos sin tempo,
pedra dun ollar sin ollos.
Semente do azar primeiro,
centella inmóvel da terra:
si latexara o teu peito,
ou si te voltaras de herba.
Si voaras, si tiveras
estrelados aguiares.
Si te romperas, penedo,
e deras a luz que sabes.
Feixe de raios ou dolmen,
lume gardado no ren,
tes xeito i alma de home
cun día quixo nascer.
É sagrado o teu silenzo:
Ao pé de ti fala a choiva,
sobor de ti canta o vento
e dentro de ti, ti escoitas.
Camiño do tempo vello,
camiño do tempo novo:
pedra dos tempos sin tempo
pedra dun ollar sin ollos.

Esta entrada foi publicada en Arte, Autografías, Congresos, Estudos literarios, Historia, Lendas e mitos, Manuscritos, Política, Roteiros, Xornadas. Garda a ligazón permanente.