Poemas para o Monte Pindo


Andamos á procura de poemas para o Monte Pindo. Estamos a crear unha fermosa iniciativa.
Estimada/o amiga/o:
A través deste escrito convídamoste a participar nun proxecto editorial que xorde por iniciativa da ASOCIACION MONTE PINDO PARQUE NATURAL (www.montepindo.org) e que coordinamos os escritores Francisco “Chisco” Fernández Naval e Miro Villar.
O noso obxectivo vai ser a publicación dunha antoloxía poética, cuxos beneficios económicos (se os houber, como é o noso desexo) serán integramente destinados ás campañas da devandita entidade pola declaración do Monte Pindo como Parque Natural.
A achega de cada escritor/a será un poema xa publicado ou orixinal e inédito que mencione ou se inspire no Monte Pindo. Xa temos compilado algúns textos poéticos, mais cómpre agrandarmos o volume para crearmos un libro importante na cantidade e na calidade textual.
A extensión e a forma dos poemas ten absoluta liberdade, porén recomendamos que a colaboración non exceda dos 100 versos e a poder ser escritos en caracteres Times New Roman a tamaño 12. E cada poeta debe ceder todos os dereitos de reprodución do texto poético para esta edición, o que non será impedimento para que poida dispoñer do poema da súa autoría para o publicar noutro libro propio ou colectivo.
A fin de irmos organizando todo o material que integrará o volume, cómpre que nos fagas chegar, o antes que che sexa posíbel, a túa creación. Se desexas participar neste proxecto, o prazo de envío remata o vindeiro 31 de outubro.
Os textos poéticos, publicados ou orixinais e inéditos deben enviarse a calquera destes dous enderezos: fxnaval@gmail.com ou mirovillar@gmail.com
Antecipando a nosa gratitude por colaborares nesta antoloxía, recibe unha aperta atlántica.
Chisco Fernández Naval e Miro Villar (coordinadores).
Curiosamente eu non teño escrito ningún poema que leve a palabra “Pindo”, porén no meu primeiro libro Ausencias pretéritas (1992) hai tres sonetos que falan destas paraxes lindeiras: Santa Uxía do Xallas e o encoro que atentou contra a fervenza, a propia fervenza (aquí nun fermoso videopoema de Manuel Forcadela) e os montes da Ruña.
UN
Mírote na xanela nocturna perfilada,
nunha luz de cor cobre nacer de sombra espida
onde un silencio seco queima e calcina a vida
como lume de estiaxe que todo troca en nada.
Posúes corpo de dorna nun areal encallada
resistindo a cada onda das augas na batida,
mais inda pois con todo segues a ser belida
tal caravel abrindo na primeira luzada.
Mírote con desexo sexual que xa rebenta
do xeito que a fervenza do Xallas baixa louca
con estrondo bradante de voz inxente e rouca.
E sinto a brevidade de algo que me contenta
e despois logo amaina como a corrente apouca,
nas vésperas da ponte do Ézaro onde salouca.
DOUS
Reloxo que non anda, Santa Uxía do Xallas,
aldea toda ancorada no século pasado,
vello xadrez con cadros de leiras con valado,
pasadelos arbóreos gornecidos con gallas.
Pretérita cadencia con que as horas atoallas,
compás, agulla louca, camposanto isolado,
leito de paraísos que non temos gustado,
paisaxe de palleiros pola estación das mallas.
Val de erótica fenda, xemido feminino,
partitura de orquestra no teclado dun piano,
pavillón a cuberto do queimor repentino,
herbal de sabas verdes onde amamos antano,
esfera luminosa que nos teus soños manda,
Santa Uxía do Xallas, reloxo que non anda.
TRES
Foi nas Illas Lobeiras co mar por testemuña
do amor louco no entorno dun mínimo deserto
que escoitamos na noite cantos de desconcerto
a ecoar lonxe na serra, nos penedos da Ruña.
E fumos temerosos dun medo que rabuña
interrompendo os beixos coa dúbida do incerto
de coñecer se a lenda puidese ter de certo
que os lobos descenderan como a xente supuña.
E na nosa incerteza non tivemos de conta
da fronteira das augas para coutar o medo
protexidos por ondas e cons de afiado gume.
Mais a nosa cegueira mudou logo en luz pronta
descubrindo que os urros proviñan do rochedo
no que faro Cee ronxe para as naos dende o cume.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía. Garda a ligazón permanente.