Poemas (LXIV): «arde o Pindo», de Marilar Aleixandre. E lumes, nunca máis!






(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Desoladoras e tristes as imaxes que recollín esta mañá con dispositivo móbil na miña andaina até a praia de Quenxe (Corcubión) co incendio do Monte Pindo coma pano de fondo. E moito máis dramáticas as que recolle o diario dixital quepasanacosta, que inclúe pavorosas imaxes nocturnas e un video.
O Monte Pindo volve quedar ferido de morte e a súa recuperación tardará anos, cando aínda non estaba ben recobrado da ferida do lume dos primeiros anos deste xéculo XXI. E moitos outros incendios no territorio da nosa nación milenaria están a producir escenas de destrución medioambiental e tamén de pánico na poboación. No entanto gobernos ineptos (como o actual) basean toda a súa estratexia nos serodios labores de extinción sen investiren un can en políticas de prevención e de melloramento produtivo do monte, como denuncia na súa páxina a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).
Lumes, nunca máis. Incompetencia, nunca máis!
Reproduzo ao remate desta anotación un poderoso poema de Marilar Aleixandre que escribiu despois da vagha de lumes do 2005 e que incluíu no seu libro Mudanzas (2007). Tamén figura no volume colectivo Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega (2013), que coordinei xunto a Francisco «Chisco» Fernández Naval, editado por Toxosoutos, en coedición coa Asociación Monte Pindo Parque Natural, e grazas ao crowdfunding ou microfinanciamento colaborativo de moitas persoas, como xa se contou aquí.
Precisamente, este sábado tiñamos prevista a presentación do volume na cidade coruñesa, cabo de Xilberto Caamaño Beiro, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural, aínda que talvez haxa que adiar esta actividade pois estamos de loito verde.
E a nosa estimanza para o Diario Cultural da Radio Galega, esa illa que dirixe a poeta Ana Romaní, pois no seu programa de hoxe dedicaron varios minutos ao Monte Pindo. Pódese escoitar aquí e vai do minuto 23:10 ao 28:35 aproximadamente, coa presenza de Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural.
Velaquí o poema de Marilar Aleixandre:
arde o Pindo
arden selvas e montes
arde o Cáucaso, o Osa e o Pindo
Metamorfoses, II, 224-225
nos días en que a cinza encontrou o limiar
da nosa lingua
os enxames de lagostas fuxiron
ao son da pandeirada de Nebra
as ás do deforme anxo de lume
bateron no Pindo
ardeu a pedra incombustíbel
escaravella a toupa de fogo
os seus túneles por baixo das árbores
plantadas pola man de meu pai
el volve morrer con cada árbore derrubada
eis a gadoupa do anxo esgazando a paisaxe
asinando nas mans, nas gorxas
nas casas onde non achou
as marcas do sangue
as fontes esqueceron os camiños
fundiuse o ouro do Sil
as sete bocas do Xallas ficaron baleiras
a auga subiu fervenza arriba
enguruñouse o Mar de Fóra
os peixes van escorrentados cara ás foxas abisais
os arroaces non ousan chimpar fronte a Rostro
as luras verten bagullas de tinta
e os homes
os homes aínda xordos
ao que berra a voces
o monte queimado
Marilar Aleixandre (Mudanzas, Pen Clube/Caixanova, Editorial Danú, 2007)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Fotografía, Historia, Lendas e mitos, Manifestos, Poesía, Política, Roteiros. Garda a ligazón permanente.