Poemas (LIV): «Castelao», de Antón Zapata García


(Debuxo de Antón Zapata García para o poema “Castelao”)
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao faleceu o 7 de xaneiro de 1950 no exilio bonaerense. Antón Zapata García, o poeta de Laxe emigrado á Arxentina, escribiu dous sonetos a Castelao, tal e como recollemos na Tese de Doutoramento A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e Estudo, dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero. Neste traballo, que é de acceso libre na rede en varios lugares, como no repositorio poesiagalega.org, salientamos:
«E, por suposto, tampouco faltar a figura máis sobranceira do galeguismo que se reflite nos dous sonetos que conforman Castelao [115], escritos cunha diferenza de dez anos, no primeiro sinalando unha serie de características da súa personalidade, mais sobre todo lembrando no último terceto a súa habilidade como debuxante e pintor: “¡pois cando en soaves liñas, imaxens vai prasmando, / paresce que GALIZA n-un “film” fora pasando / pra que os irmáns migrantes a teñan sempre á vista!…”, mentres que no segundo, escrito na súa morte, aínda que publicado no primeiro cabodano, lembra unha parte importante da obra do polígrafo rianxeiro, como podemos ollar nos dous tercetos».
O primeiro dos sonetos publicouse no Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, Bos Aires, nº 702, 23 de novembro de 1940, e o segundo no mesmo Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, Bos Aires, nº 1132, 20 de xaneiro de 1951.
En Galicia (1940) aparece só o primeiro dos sonetos, datado polo autor: «Bos Ars, 8-11-940».
En Galicia (1951) publícanse ambos, con cadansúa data debaixo: «8/11/1940» e «9/1/950», incluídos nunha páxina de homenaxe na que tamén figuran poemas de Calviño de Castro, Ramón Suárez Pérez, Gervasio Paz Lestón e Ramón D. Villar.
Nos dous casos o texto vai acompañado dun debuxo da autoría do autor, pois asina Zapata, que representa unha caricatura de Castelao sostida por unha man aberta.
Malia existiren pequenas variantes lingüísticas, reproducimos os textos pola versión testamentaria de 1950.
CASTELAO
I
Có corazón na destra e o lene ollar moi triste,
con verbo garimoso, de galeguismo cheo,
as súas arelanzas de pensador sereo
na i-alma da Nai Terra, como un druída, viste.
Sinxelo, nobre, cerne, máis bó que pancenteo,
adoura, quere, i-ama canto no mundo eisiste,
e, se poidera, aos lobos que Noso Chan resiste,
as portas redenzoras abríalles do ceo…
Non tén reviravoltas: ¡Tan soio dí verdades!
Seguramente, CRISTO, no lago Tiberiades,
chamáralle discépolo, irmán e nobre artista,
¡pois cando en soaves liñas, imaxens vai prasmando,
paresce que GALIZA n-un “film” fora pasando
pra que os irmáns migrantes a teñan sempre á vista!…
II
…Tal dixen fai des anos… Agora, triste, digo:
—Morréuse CASTELAO, o noso artista esgrevo,
e o corazón, de loito, por meu irmán eu levo,
pol-o sendeiro longo que n-esta terra sigo…
Eu séi que o seu esprito trasmigrador, amigo
—nas outas terras hirtas dos toxos e do acebo,
nas doces veiramares e pol-os vals de trevo—,
atopará a tenrura do maiternal abrigo.
Dos seus outos tesouros xa somos os herdeiros:
“GALIZA MÁRTER”, “COUSAS”, labregos e peixeiros,
deixáron-nos seu lapis e pénola, ispirados.
Non lonxe da Traxedia do CRISTIALOBO, agora,
por tí, gran CASTELAO, un gran xigante chora:
BOS AIRES… ¡GALICEIBE dos celtas emigrados!…

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.