Poemas (L): «Silensi!», de Rosalía de Castro, versión en catalá de Enric Cassases (recitada nos IX Premios Rosalía de Castro do Centro PEN de Galicia)


(Retrato de Rosalía de Castro, da autoría de Modesto Brocos)
Este pasado venres celebrouse a xornada de entrega da IX Edición dos Premios «Rosalía de Castro» organizados de xeito bianual polo Centro PEN de Galicia para recoñecermos autoras e autores dos catro sistemas literarios da nosa veciñanza: portugués, castelán, catalán e éuscaro, e de cuxo ditame xa se falou nesta bitácora.
O xurado estivo composto por Luís González Tosar (presidente do PEN), eu propio como secretario, Bieito Iglesias, Inma López Silva, Manuel Guede e Manuel Outeiriño, que nos xuntamos o 24 de febreiro (no aniversario da poeta) e decidimos outorgar os devanditos galardóns a:
José Viale Moutinho (Funchal, 1941). Poeta (cómpre salientar São Coisas tais Efeitos Só do Acaso? (2009), narrador (sete libros de contos) e novelista. Ten destacado polos seus traballos sobre a vida e as obras de Camilo Castelo Branco (2009), Joaquim de Araújo, Trinidade Coelho, Júlio César Machado e António Nobre. Membro de honra da Real Academia Galega, Viale Moutinho é quizáis o escritor portugués con máis vinculación a Galicia.
Mª Esther Vázquez (Buenos Aires, 1937). Escritora arxentina de estirpe galega, comezou a súa actividade literaria en 1957 na Biblioteca Nacional, dirixida daquela por Jorge Luis Borges. A partir dese momento o seu nome estará ligado á revista Sur, Victoria Ocampo, Bioy Casares e todo o universo borgiano. Froito desta colaboración son dous ensaios: Introducción a la Literatura Inglesa e Literaturas germánicas medievales. Autora dunha importante obra narrativa (cómpre destacar: La memoria de los días e Crónicas del olvido), logrou grande éxito coas súas biografías Borges, esplendor y derrota (1996) e Victoria Ocampo, el mundo como destino (2002). Columnista de La Nación e premio Feria Internacional del Libro de Buenos Aires (1997).
Enric Casasses (Barcelona, 1951). Poeta, narrador e dramaturgo, destacando tamén como tradutor, é considerado como un transgresor empeñado en tirar a poesía dos ámbitos formais. Destaca polos seus recitais, nos que prima a música e a sonoridade, o xogo cos fonemas. Considerado herdeiro de autores da categoría de Joan Salvat-Papasseit, Joan Brossa, Joan Vinyoli ou Gabriel Ferrater, a súa obra, orixinalísima, transita do medieval ao surrealismo, do renacemento ao barroco. Premio Crítica Serra d’Or (1992) por La cosa aquella, Sense trofeu e Text llest e Premio da Crítica, poesía catalana (1993), por No hi érem, ten participado en innumerables accións e proxectos culturais de avangarda.
Miren Agur Meabe (Lekeitio, Bizkaia, 1962). Licenciada en Filoloxía Vasca, foi profesora de ikastola e, desde 1990 desenvólvese no ámbito da xestión editorial. En 1986 publicou os relatos Uneka… Gaba (Por momentos… a noite) e a partir de aí, tres poemarios entre os que destaca Azalaren kodea (O código da pel, 2002), Premio da Crítica. Mais será no ámbito da literatura infantil e xuvenil onde esta autora aporte títulos fundamentais das letras vascas neste xénero: Itsaslabarreko etxea (A casa do cantil, 2001), Bisita (A visita, 2001), Joanes eta Bioletaren bihotza (O corazón de Joanes e Violeta, 2002), Etxe bitan bizi naiz (Vivo en dúas casas, 2003) e Amal (2003), entre outros.
Na xornada de entrega do pasado venres premiadas e premiados, agás José Viale Moutinho quen non puido achegarse até Compostela (e o seu premio foi recollido polo académico Víctor Fernández Freixanes), leron textos sobre a súa relación coa obra de Rosalía de Castro ou coa nosa nación milenaria. As súas palabras ficaron recollidas nun librino que o Centro Pen de Galicia edita para a ocasión, mais aínda resoan para min as fermosas versións de catro poemas rosalianos que Enric Cassases fixo e recitou na propia velada.
Deseguida reproduzo a realizada sobre o poema Silencio! de Follas Novas, na que o poeta catalán confesou ter atraizoado un pouco a literalidade para obter (e acadar na miña opinión) a mellor das musicalidades. Velaquí a súa versión e o propio orixinal.
Silenci!
La mà amb palpitacions, dins el pit nervis,
als ulls boires espesses condensades,
amb els sentits ben carregats de dubtes
i de turments ben plenes les entranyes,
sentint com lluiten
en terribles batalles
desitjos que no es moren que turmenten
amb ràbies que maten,
suco en la meva sang la ploma dura
trencant la vena inflada
i escric… escric… però per què? Torneu’s-en
al fons de tot l’ànima,
imatges tempestoses,
a acompanyar les mortes remembrances!
Que la mà tremolosa al full hi escrigui
només paraules, paraules i paraules!
La forma de la idea pura i verge
on romangé amagada?
SILENCIO!
A man nerviosa e palpitante o seo,
as niebras nos meus ollos condensadas,
con un mundo de dudas nos sentidos
i un mundo de tormentos nas entrañas,
sentindo cómo loitan
en sin igual batalla
inmortales deseios que atormentan
e rencores que matan,
mollo na propia sangre a dura pruma
rompendo a vena hinchada,
i escribo…, escribo…, ¿para qué? ¡Volvede
ó máis fondo da ¡alma,
tempestosas imaxes!
¡Ide a morar cas mortas relembranzas!
¡Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras, e palabras!
Da idea a forma inmaculada e pura
¿dónde quedóu velada?
Follas Novas, Rosalía de Castro.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.