Poemas (I): "Meu amor contrabandista", de Manuel Rivas


Este tamén é un blogue de lecturas. Entre os poemas que falan de “crebas” está o intitulado “Meu amor contrabandista”, incluído no libro A desaparición da neve (2009) de Manuel Rivas.
MEU AMOR CONTRABANDISTA
Meu amor anda ás crebas pola beiramar.
Vai preñada de vento,
vai preñada de néboa,
do lóstrego vai,
todo o apaña
apáñao todo
coa luz belísima do seu vesgo ollar.
O que ben que leva co temporal,
como o amansa,
24 fotogramas por minuto,
a dureza mística,
a luz facinorosa
do seu pestanexar.
E el dálle zapatos sempre do mesmo pé,
o andar dos deuses
coxos do mar.
Meu amor enche o ventre
de seixos silábicos,
de runas, de aghoams,
de voces baixas,
pictogramas coprófagos
que crían nos excrementos da lúa.
Meu amor anda ás crebas pola beira da esfera,
nas estradas solitarias,
no ceo dos manequíns
onde rompen as nubes,
no cemiterio dos pingüíns xigantes
cos seus portafolios de naturezas mortas.
Vai preñada por dentro,
cara a dentro,
como unha guía en tempo de éxodo.
Ese ollar delincuente,
ese corpo de contrabandista de seda,
esa voz rouca.
Durmía cos ollos abertos meu amor.
Non sei vivir
sen o rumor do seu vesgo ollar.
Meu amor anda ás crebas na noite.
Apaña os restos aleixoados
do ben e do mal,
un cargamento ultramarino de esdrúxulas,
un fardo de cousas septiformes,
o contedor de frascos de potencias da alma.
Veni Sancte Spiritus,
meu amor atopou o bébedo Xonás.
Meu amor di que Xonás era el o gran peixe.
Xonás preñado de seu,
de abismo.
Meu amor funde os pés na area,
leva no ventre un arfar canso de nai virxe,
un canto de gorxa inuit,
o nome impronunciábel do mesmo temporal.
Meu amor vai parindo de pé
o poema da illa.
Sediame eu,
cercada polas ondas,
o corpo aberto,
a ollada fértil,
as mans vesgas
a amasar,
a levedar o tempo petrificado.
Et tui amoris in eis ignem accende
and kindle in them the fire of thy love.
Meu amor enténdose co mar,
ese fillo de puta,
meu amor.
(MANUEL RIVAS: A desaparición da neve, 2009)

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.