Poemas do Outono


Cain as follas.
Sinto unha cousa
que se apousa en min e non me toca.
E chove pra que soñe,
pra que eu soñe.
Fala a tarde baixiño.
Cain as follas.
i é unha cousa
que se apousa en min e non me toca.
E chove pra que soñe,
pra que eu soñe.
Fala a tarde baixiño.
Uxío Novoneira
Esta mañá, as 11,05 horas entrou a nova estación do outono. Outono e primavera son sempre estacións propicias para a palabra poética. Velaí o fermoso e breve poema de Uxío Novoneira, musicado por Emilio Cao. Poderíase facer unha enorme antoloxía de textos poéticos sobre o outono, mais hoxe tan só vou lembrar que o vate muxián Gonzalo López Abente publicou un sonetario intitulado D’outono (1924) ou que Manuel María (amigo que nos deixou o 8 de setembro do 2004) tamén publicou os libros Poemas ao outono (1977) e As lúcidas lúas do outono (1988). No que á miña obra atinxe, a miña “opera prima”, o tamén sonetario Ausencias pretéritas, inclúe unha segunda parte das seis que compoñen o libro con dez sonetos baixo o encabezamento “De ti e do outono”. Velaquí o soneto inaugural desa serie:
A soidade do outono en Compostela
é como a catedral, un monumento,
pero podo dicir que o seu cimento,
sen antítese, queima e tamén xela.
A soidade do outono en Compostela
é como o río Sar, un movemento,
pero podo dicir que o seu lamento,
sen antítese, calma e logo arrela.
A soidade do outono na cidade
é como a carballeira sen paxaros
ou gaita sen roncón, fol e punteiro.
A soidade do outono na cidade
é como o castiñeiro sen degaros
ou bulbo sen bechoco ceboleiro.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Música, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Poemas do Outono

  1. Pingback: As crebas » Poemas (XLIX): «To the Autumn» (Oda ao Outono), de John Keats

Os comentarios están pechados.