Poemas da ausencia, na voz profunda de Antón Avilés de Taramancos


Xa narrei aquí a importancia do poeta Antón Avilés de Taramancos na miña obra literaria e como a primeira lectura pública foi ao seu carón. Do 14 ao 17 de xullo do 1988, celebrouse a I Feira do Libro de Cee na Praza da Constitución, coñecida popularmente como “A Alameda”. Pois ben, o primeiro día, xoves 14, ás sete da tarde, tivo lugar a presentación do libro Do Courel a Compostela de Uxío Novoneyra (a quen homenaxeamos hai pouco nas Letras Galegas), que foi presentado polo poeta noiés tamén desaparecido Antón Avilés de Taramancos. Ao remate seguiu un recital poético no que participaron os dous autores citados, Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán Vello e “o grupo de xóvenes poetas ceenses Un Medio”, tal e como se sinala no programa. Por volta do ano 1986 un grupo de sete mozos “letraferidos” (ou amantes da literatura) constituíramos o colectivo de poesía Un Medio e publicamos nos anos seguintes dous cartafoles en papel satinado que foron deseñados e ilustrados polo hoxe afamado arquitecto Xoán Creus Andrade. Cada un deles levaba textos poéticos da autoría de tres dos irmáns Creus Andrade, Humberto, o propio Xoán e un novísimo Estevo; de Xosé María Costa Lago; de Arturo Trillo Sendón; de Rafa Villar e de min mesmo.
Ao chorado Antón Avilés de Taramancos tamén consagrei un estudo literario que vería a luz cando se homenaxeou ao autor no Día das Letras Galegas do 2003. Intitulouse “Última fuxida a Harar: a palabra do Poeta en herdanza” e publicouno a revista Dorna. Expresión Poética Galega 29 (USC: 2003. pp. 83-92).
E cando a AELG realizou a primeira serie de gravacións a autoras e autores e tiñamos que ler obra propia e outra a reivindicar eu escollín o poema «Na outra banda do mar» do apartado «O cántico das naves: elexías do mar» do libro As torres no ar, que gravamos no 2007 na Igrexa de Santo Domingos de Bonaval e que se pode escoitar na miña voz nesta ligazón.
Na outra banda do mar constrúen o navío:
o martelar dos calafates resoa na mañá, e non saben
que están a construír a torre de cristal da miña infancia.
Non saben que cada peza, cada caderna maxistral
é unha peza do meu ser. Non saben
que no interior da quilla está a médula mesma
da miña espiña dorsal; que no galipote a quencer
está o perfume máxico da vida.
Que cando no remate ergan a vela, e a enxarcia
tremole vagarosamente no ar
será o meu corazón quen sinta o vento,
será o meu corazón.
Antón Avilés de Taramancos, As torres no ar, 1989. Citamos pola versión publicada en Obra poética completa (Espiral maior, col. Opera Omnia, 2003).
Por todas estas razóns prodúceme inmensa emoción e moito pracer literario poder escoitar de novo a súa voz na gravación que recuperou na rede o Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, Volume XIX da colección As Nosas Voces, e que se pode escoitar na canle youtube e na páxina culturagalega.org, onde escribiron esta presentación:
«Nos anos 70 Antón Avilés de Taramancos gravou na súa casa de Cali (Colombia) os seus Poemas da ausencia, que despois se publicarían en Noia no ano 1982, no volume O tempo no espello. No 2003, coincidindo co Día das Letras Galegas dedicado a Antón Avilés de Taramancos, o Arquivo Sonoro de Galicia editou o volume 19 da colección As nosas voces, reunindo estes poemas e algunhas entrevistas concedidas por Avilés nas que reflexiona sobre a súa vida, a poesía e Galicia».

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Poemas da ausencia, na voz profunda de Antón Avilés de Taramancos

  1. Pingback: As crebas » A poeta Marta Dacosta lembra o colectivo Un Medio

Os comentarios están pechados.