Moitas das poderosas razóns polas que lle darei mañá a miña confianza á CIG-Ensino figuran neste extracto do seu programa sindical.
Liñas básicas do programa
“A CIG-Ensino preséntase ás eleccións sindicais co obxectivo de conseguir outro modelo de representación máis democrático e participativo, continuar na loita contra a LOMCE até conseguir a súa derrogación, combater o desmantelamento do ensino público e acadar restitución de todos os dereitos laborais salariais e profesionais do profesorado”, explicou Anxo Louzao. Entre as medidas que propón a CIG-Ensino destaca:
Restitución dos horarios no camiño de acadar o máximo de 18 períodos lectivos.
Restitución dos nosos dereitos salariais (percepción do 100% do salario nas incapacidades laborais transitorias (ILT), do 100% das pagas extraordinarias, recuperación do poder adquisitivo e subas salariais anuais como mínimo igual ao IPC, etc.)
Formación permanente gratuíta dentro do horario lectivo, restitución das licenzas por estudos e da matrícula gratuíta na Universidade.
Estabilidade no posto de traballo para o profesorado interino.
Dereito indefinido á xubilación voluntaria aos 60 anos e 25 de servizo ou 30 anos de servizo co 100% das retribucións. Xubilación obrigatoria aos 65 anos.
Aposta por un estatuto galego do profesorado que restitúa os nosos dereitos salariais e laborais, recolla medidas para valorar o noso traballo docente e as reivindicacións .
Procurar un sistema educativo galego, inserido na nosa realidade nacional, baseado no ensino público, na equidade e igualdade de oportunidades, na prevención do fracaso escolar, na xestión democrática dos centros e na revalorización da función docente.
A aprobación dunha lei do sistema educativo galego baseada no ensino público, galego, laico, coeducativo e democrático e nun plan orzamentario que dedique o 7% do PIB a Educación.
Conseguir a derrogación do Decreto do plurilingüismo e a aplicación do Plan de normalización lingüística
Combater os concertos educativos.
Defender un ensino laico no que a relixión non teña cabida no currículo escolar.
Uns cadros de persoal amplos e suficientes que garantan especialistas e orientadores e orientadoras en todos os centros, que eviten impartir afíns, que reforcen o traballo de titoría, impidan a mobilidade funcional e xeográfica forzosa do profesorado, rematen coa provisionalidade e garantan a atención á diversidade.
A redución de alumnado por aula: até un máximo de 15 en educación infantil, 20 en primaria e secundaria e 25 en bacharelato, coas necesarias reducións cando se escolariza alumnado con necesidades educativas especiais e computando o alumnado repetidor. Redución de número de alumnado, como máximo 12 alumnos e alumnas por aula nas clases de lingua estranxeira.
A xestión democrática dos centros. Soberanía do claustro no ámbito pedagóxico-didáctico e laboral-profesional. Elección democrática das direccións dos centros, incluídas as dos centros integrados.
Supresión das taxas de reposición. Cobertura de todas as vacantes existentes, incluídas as xeradas por xubilación. Ofertas públicas amplas de emprego para dotar de profesorado suficiente os centros e crear emprego.
Unha nova planificación do sistema educativo no medio rural que garanta o dereito a escolarizar os nenos e nenas no seu medio, cos medios e recursos necesarios e todos os servizos complementarios.
A dotación e ampliación de persoal de administración e servizos en todos os centros públicos e coidadores e coidadoras onde sexan necesarios.
Reestabelecemento da xornada reducida matinal en xuño e setembro.
Dotación en todos os centros de servizo de comedor e oferta gratuíta das actividade extraescolares.
Restabelecemento da gratuidade dos libros de texto e extensión a todo o material didáctico en educación infantil, primaria e ESO.
Derrogación da Lei de convivencia, do Decreto de comedores e de admisión do alumnado e da FP Dual.