Pequena e persoal homenaxe a Alain Resnais (1922-2014)


Sempre o tiven por un cineasta de orixe francesa e así se debeu considerar a si propio, porén Alain Resnais era bretón de nacencia, pois seica nacera en 1922 en Gwened (en francés Vannes, un pequeno concello do Mor-Bihan ou Morbihan, na baixa Breizh ou Bretaña) e morreu este pasado martes na cidade de París, aos 91 anos.
Desde hai ben tempo interesoume a súa traxectoria cinematográfica, aínda que a Compostela chegaron poucas veces as súas películas, case sempre no imprecindible festival Cineuropa, onde agardarei ollar o seu derradeiro filme intitulado Aimer, boire et chanter (Amar, beber e cantar), e algunha outra coñecína nese nicho de cinema alternativo que atopaba refuxio en La2 de TVE.
Con todo, ningunha delas superou o fascinio que me producira o filme Hiroshima, mon amour, baseado nun guión de Marguerite Duras, que logo se publicou como obra literaria. A película xa foi lembrada nesta bitácora aquí e acolá, de onde reproduzo os seguintes parágrafos:
O cineasta francés Alain Resnais realizou en 1959 o filme Hiroshima, mon amour que lembro ollar unha noite hai moito tempo en La2. Marabilloume a súa poesía. E pouco despois escribín un poema (unha décima) que se incluíu no libro 42 décimas de febre (Toxosoutos, 1994) e que moito lles debeu chamar a atención aos estudantes do IES Pintor Colmeiro de Silleda, pois o recollen na súa web logo dunha visita que fixemos ao centro varios poetas, convidados por esa magnífica lectora e profesora que se chama Gracia Santorum. Como acontece na película de Alain Resnais, utilizo nos meus versos Hiroshima como metáfora da devastación amorosa, nada a vez coa crúa realidade que sementou o bombardeiro B-29 de nome Enola Gay, naquel funesto día 6 de agosto do 1945, que nunca máis se debe esquecer.
Hiroshima, mon amour
Como a bomba de Hiroshima,
mon amour, o teu silencio
devastador evidencio
e abofé que teño grima
pois cobizo máis estima.
Non serei correspondente
dun olvido evanescente
porque o teu calar destrúe
o que o noso Amor constrúe
pouco a pouco, lentamente.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Poesía. Garda a ligazón permanente.