
(Ruta conmemorativa 20 anos Penedos. Foto ©Emilio Roca)
Este pasado sábado, 6 de xuño, o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) organizou un roteiro para conmemorar os Vinte anos de loita polos Penedos de Pasarela e de Traba e publicou un caderno literario co mesmo título.
O caderno poético, con textos introdutorios do Presidente da entidade Xosé María Lema Suarez e do xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, está dispoñibilizado para libre descarga nesta ligazón.
Por razóns laborais, propias da fin de curso, foi imposible estar coas compañeiras e compañeiros da entidade, mais fixéronme chegar o caderno no que se publica o meu poema escrito ad hoc «Penedos de Pasarela e de Traba».
Deseguida reproduzo o texto, non sen antes deixar tres ligazóns a crónicas sobre a actividade ambiental reivindicativa e festeira. Obrigado, camaradas!
Penedos de Pasarela,
Cando vos vexo, penedos,
Suspiro de amor por ela
(Eduardo PONDAL, Queixumes dos pinos, 1886)
Penedos de Pasarela e de Traba,
cando vos vexo, penedos ergueitos,
quero identificar a inspiración
e o fascinio na ollada de Pondal.
Por que falou con vós? Por que estimou
a vosa intimidade de silentes
penedos ancorados na paisaxe?
Ou fostes se callar unha presenza
no camiño da escola de Nemiña
que se mergulla amodo nos sentidos?
Precisaba ser bardo nas profecías,
vate en comuñón íntima coa terra
e non letraferido dos seus versos
a interpretar os misterios do seu canto.
