Pelos na lingua, de Talía Teatro, Mellor Texto Orixinal en Galego nos XVI Premios de Teatro María Casares


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Na excelente crónica de Ubaldo Cerqueiro, do dixital quepasanacosta, pódese ler un repaso polo miúdo do acontecido esta pasada noite do martes 3 de abril de 2012, no coruñés Teatro Rosalía de Castro, onde se celebrou a gala dos XVI Premios de Teatro María Casares, que outorga a AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia). O seu presidente, Antonio Durán Morris, foi abertamente reivindicativo perante a crise da cultura: “Imos reivindicar o noso gran teatro das ruínas”. Polo demais, a obra Citizen total, do Grupo Chévere, converteuse na triunfadora da noite ao acadaren cinco premios: ao mellor espectáculo, á mellor dirección, á mellor actriz protagonista e á secundaria e á mellor música orixinal. Nós non temos dereito a voto, mais como espectadores habituais do noso teatro tamén cremos que se trata do mellor espectáculo da pasada tempada.
A presenza da canteira actoral da Costa da Morte era importante, mais a mellor nova da noite para nós foi que o Premio ao Mellor Texto Orixinal en Galego fose para Pelos na lingua, de Talía Teatro, que dramatiza unha serie de textos sobre o noso idioma da autoría de Avelino González, Artur Trillo, María Ordóñez e Séchu Sende. O meu antigo alumnado do IES Fin do Camiño de Fisterra e o alumnado de ducias de centros escolares xa gozaron deste espectáculo que bateu marcas de representación no mundo do noso teatro. Parabéns pois a todos catro e en especial a Artur Trillo, do que aínda lembro como teimou en poñer a andar aquel soño que naceu dentro da A. C. Domingo Antonio de Andrade, de Cee, que partillábamos, onde naceu a Mostra de Teatro en 1988 e o grupo afeccionado Talía, que medrou até se converter nunha das compañías profesionais de máis prestixio nas táboas galegas. Moita merda, pois, que é como se parabenizan as xentes do teatro.
Alén dos premiados, tamén é ben lembrar ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega que leu o Manifesto Galego do Día Internacional do Teatro, da súa propia autoría.

Esta entrada foi publicada en Manifestos, Teatro. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Pelos na lingua, de Talía Teatro, Mellor Texto Orixinal en Galego nos XVI Premios de Teatro María Casares

  1. Pingback: As crebas » Avelino González, Artur Trillo, María Ordóñez e Séchu Sende acadan o Premio Max ao Mellor Autor Teatral en Galego por Pelos na lingua (Talía Teatro)

Os comentarios están pechados.