Participación nas micropezas da RAG «Polos vieiros de Florencio»

Desde primeiros de febreiro até hoxe a Real Academia Galega (RAG) vén dispoñibilizando na súa canle de youtube unha serie de micropezas co título «Polos vieiros de Florencio», inseridas nas actividades de difusión e promoción da vida e da obra de Florencio Delgado Gurriaráns , a quen homenaxea neste Día das Letras Galegas 2022.

Velaquí a relación dos capítulos emitidos, entre os que figura a miña participación (no cuarto vídeo da serie), coas súas ligazóns e en orde de data de emisión.

* O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presenta ‘Polos vieiros de Florencio’. Nesta serie de micropezas audiovisuais, distintas voces profundan na figura e na obra de Florencio Delgado Gurriarán, o autor ao que a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2022.

* O académico Ramón Villares lembra o papel no exilio mexicano de Florencio Delgado Gurriarán no capítulo desta semana da serie #PolosVieirosdeFlorencio.

* A académica Margarita Ledo fala da revista Vieiros e do papel de Florencio Delgado Gurriarán nesta publicación do exilio mexicano no novo episodio da serie #PolosVieirosdeFlorencio

* Continuamos #PolosVieirosDeFlorencio da man de Miro Villar. Percorrido breve sobre as distintas etapas da poesía de Florencio Delgado Gurriarán, dende o influxo de Amado Carballo e a poesía de combate aos versos mexicanos.

* A filóloga Rosario Álvarez Blanco, presidenta do CCG, directora da Sección de Lingua da Real Academia Galega e catedrática da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, analiza a lingua da obra de Florencio Delgado Gurriarán, o autor ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas 2022.

* O historiador Ricardo Gurriarán, biógrafo e familiar de Florencio Delgado Gurriarán, fala do que significou en Valdeorras e para a súa familia a figura do protagonista do Día das Letras Galegas 2022. ‘Polos vieiros de Florencio’

* Enrique Álvarez Barreiro, alcalde de Vilamartín de Valdeorras, fala da implicación da veciñanza na celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Florencio Delgado Gurriarán, natural deste concello ourensán.

* O académico Manuel Rivas recita o poema “Nomes”, incluído no primeiro poemario de Florencio Delgado Gurriarán, ‘Bebedeira’ (1934).

* Cecilia Fernández Rodríguez, natural de Vilamartín de Valdeorras e veciña da Rúa, é enóloga da Denominación de Orixe Valdeorras. Nesta micropeza da serie ‘Polos vieiros de Florencio’ recita “Casoiro”, un dos poemas de ‘Galicia infinda’ dedicados ao viño de Florencio Delgado Gurriarán, o poeta valdeorrés ao que a Real Academia Galega rende homenaxe co Día das Letras Galegas 2022.

* O cantautor Anxo Rei interpreta “O ventiño namorouse”, a súa adaptación musical do poema “Ruada” de Florencio Delgado Gurriarán, para a serie ‘Polos vieiros de Florencio’. A peza foi gravada na biblioteca municipal do Barco De Valdeorras, que leva o nome do autor ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas 2022.

* O académico electo Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, comenta a fotografía da cuberta do ‘Ipanema’, un dos chamados barcos da liberdade, na que aparece Florencio Delgado Gurriarán xunto a outros republicanos.

* A presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Córgomo, Soledad Figueroa, explica as iniciativas das socias para divulgar a figura de Florencio Delgado Gurriarán co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2022 que a Real Academia Galega lle dedica ao poeta natural desta vila valdeorresa.

* A académica de número Ana Boullón, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, analiza a crítica sociolingüística que Florencio Delgado Gurriarán realizou nos seu poemas sobre a castelanización de apelidos e topónimos.

* Beatriz Pérez Losada é veciña de Córgomo, a aldea de Vilamartín de Valdeorras da que era natural Florencio Delgado Gurriarán, o poeta ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas 2022. Exalumna do CEIP Xosé Manuel Folla Respino, volveu ás aulas do colexio do concello onde agora estudan os seus fillos para recitar o poema que o autor escribiu sobre a súa vila.

* O cantautor valdeorrés Anxo Rei interpreta a súa adaptación musical de “Cantiga da vendima”, poema de Florencio Delgado Gurriarán incluído no libro ‘Bebedeira’ (1934).

* O artista multidisciplinario Pedro Aarón Álvarez “Orde Caos” é autor de varios murais sobre Florencio Delgado Gurriarán en Valdeorras.

* A filóloga Concepción Álvarez Pousa salienta algunhas das características da fala de Florencio Delgado Gurriarán, natural das terras de Valdeorras, e como esta queda reflectida na súa poesía.

* O filólogo e escritor Xosé Ramón Pena, responsable da antoloxía poética de Florencio Delgado Gurriarán editada por Xerais, fala dos “poemas mexicanos” do protagonista do Día das Letras Galegas 2022.

* Lucio Santalla, familiar de Florencio Delgado Gurriarán, lembra a despedida de Florencio Delgado Gurriarán da súa terra. O poeta faleceu o 14 de maio de 1987. Dous meses despois, a veciñanza de Vilamartín de Valdeorras deulle a última despedida nun acto cheo de emotividade.

* Xesús Alonso Montero destaca a importancia dos poemas sociolingüísticos que escribiu Florencio Delgado Gurriarán xa dende os tempos da República. O académico é autor de ‘Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio’, obra editada por Galaxia neste ano en que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas ao escritor e activista cultural valdeorrés.

* A filóloga Concepción Álvarez Pousa explica as distintas fases do galego na obra de Florencio Delgado Gurriarán e as fontes das que bebe, e lembra o proxecto de dicionario de valdeorresismo que o poeta quixo levar a cabo.

Esta entrada foi publicada en Arte, Biografía, Efemérides, Entrevistas, Estudos literarios, Gravacións, Historia, Lingua, Memoria Literaria, Música, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta