Parabéns ao pintor Nolo Suárez no seu sesenta aniversario


(Fotografía de 1999, da autoría de Manuel Vilar. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Unha viaxe a Portugal, para fuxirmos das parvadas da hispanidade, non nos permitiu asistir onte á tardiña ao acto de homenaxe ao pintor Nolo Suárez no seu sesenta aniversario, no que o acompañaron moitos amigos/as pintores e poetas e que tivo lugar no centro socio-cultural da Almáciga, o seu barrio compostelán.
Coñezo desde hai ben anos as súas creacións artísticas. De feito a imaxe que ilustra esta anotación lembra a inauguración dunha exposición pictórica de Nolo Suárez que se celebrou en Fisterra por volta do ano 1999 (descoñezo a data exacta). Na mesma, está Carrillo Ugarte, daquela Tenente alcalde e concelleiro de cultura de Fisterra, no centro o pintor Nolo Suárez e á esquerda eu propio a ler versos do que era nese momento o meu máis recente libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998).
A exposición trataba de temas do mar, de faros e tamén dalgunhas referencias ao camiño de Fisterra e foi nun local que naquela altura usaban como Centro Cultural. Non lembro tampouco o poema ou poemas que escollín para a lectura, mais pouco importa. Velaí o testemuño dunha das nosas colaboracións, que foron moitas e variadas nos últimos anos.
Moitos parabéns a Nolo Suárez no seu sesenta aniversario! E longa vida artística!

Esta entrada foi publicada en Arte, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.