Parabéns a Bernardino Graña nos seus 79 anos


Os nosos parabéns a Bernardino Graña, que fai 79 anos pois naceu tal día coma hoxe. Este ano xa o agasallamos cando o PEN Clube de Galicia publicou unha antoloxía, baixo a miña responsabilidade, que parafraseando un verso seu intitulei Ser auga, darse en auga. Medio século: 1958-2008 e da que xa falamos nesta bitácora. O estudo introdutorio, de 60 páxinas, principia cunhas “Notas biográficas”, cuxos primeiros parágrafos din: Bernardino Graña Villar naceu en Cangas do Morrazo, no ano 1932. Fillo dun mestre nacional, coma tamén o eran os seus compañeiros de xeración Alexandre Cribeiro, Gustavo Docampo, X. L. Méndez Ferrín e Gonzalo Mourullo, foi seu pai, moi afeccionado ás letras quen o introduciu no mundo da literatura. E así, o primeiro libro en galego que leu foi Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Na súa familia sempre houbo unha experiencia de mar, seus avós eran mariñeiros e o propio Bernardino foi moitas veces ao mar co seu tío Emilio, un mariñeiro de baixura. Nunha entrevista explicaba: “Meu tío Emilio morreu hai pouco como mariñeiro, e parecía que me pedía sen pedirmo que cantase o mar, e cantase esa epopeia diaria. Sobre todo naqueles tempos, nos que con dous remos de madeira estaban a xogarse a vida”.
Aproveito para dar conta do artigo no que Alfredo Conde fixo unha recensión da antoloxía e remato con este video da AELG onde Bernardino dá resposta á pregunta: Por que empecei a escribir?

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.