Artigo de colaboración en Que pasa na Costa. Diario dixital da Costa da Morte (I): «Os neofranquistas de Cee non queren mudar o nome do colexio público Eugenio López»

QuepasanaCosta01
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Onte principiei unha colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, recuperando un artigo xa publicado aquí e intitulado «Os neofranquistas de Cee non queren mudar o nome do colexio público Eugenio López», que se volveu actualidade porque fracasou unha nova tentativa do concelleiro nacionalista Serxio Domínguz para o pleno de hoxe de mudar o nome polo de outra persoa consonte coa Lei de Memoria Histórica.
Agradezo inmenso a Ubaldo Cerqueiro e a QuepasanaCosta a súa xenerosa acollida na que daremos moito que falar e que reflexionar, cando menos iso pretendemos, ao tempo que aproveitar esta canle de divulgación. Reproduzo deseguida o artigo inicial que se pode ler tamén nesta ligazón.
«Os neofranquistas de Cee non queren mudar o nome do colexio público Eugenio López»
É unha vella reivindicación da cidadanía democrática, mudar o nome do CEIP Eugenio López de Cee, que foi un destacado franquista, e poñerlle o nome doutra ou doutro persoeiro, cumprindo así a Lei da Memoria Histórica, que nun dos seus artigos establece que os escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva do levantamento militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura deberán ser retiradas dos edificios e espazos públicos.
É unha vella reivindicación que xa estivo entre as demandas que o extinto Batallón Literario da Costa da Morte lle fixo hai anos ao pleno do concello de Cee e nos últimos tempos foi asumida pola organización local do BNG, que reiterou unha e outra vez a mudanza.
E volveu suceder. Unha proposta dos nacionalistas para lle cambiar o nome do CEIP Eugenio López polo do intelectual, polígrafo e cronista da vila Baldomero Cores Trasmonte, finado hai ben pouco. Lixaron a súa memoria e seguen enmerdados na ignonimia os neofranquistas do concello de Cee.
EugenioLópez
Para sabermos dos méritos do franquista Eugenio López non é necesario investigar moito. Abonda con acceder á magnífica hemeroteca Cervantesvirtual e procurar a portada da revista Escuela Española (na imaxe superior), ano XXVIII, Núm 1641, Madrid, 28 de maio de 1968, que informa do nomeamento de Eugenio López como novo «Director General de Enseñanza Primaria» e debaixo da súa enorme foto resumen o seu currículo:
«En el pasado Consejo de ministros celebrado el miércoles día 22, fue nombrado director general de Enseñanza Primaria don Eugenio López López, actualmente delegado nacional de Juventudes. El nuevo director general nación en Orense en 1921. Es licenciado en Derecho y pertenece a la carrera fiscal. Ha sido gobernador civil y jefe provincial del Movimiento de Cuenca. Es consejero nacional del Movimiento, procurador en Cortes, miembro del Consejo Nacional de Educación, presidente de los Concursos Internacionales de Formación Profesional, miembro del Comité de Educación Extraescolar del Consejo de Europa, delegado de España en la Conferencia Mundial de la Juventud de la Unesco y Director del Instituto de la Juventud. Es autor de varias publicaciones sobre administración local, emigración, sociografía y política».
De feito, Eugenio López era un falanxista disciplinado, pois até ese momento era o responsable da Delegación Nacional del Frente de Juventudes, cargo para o que fora nomeado en 1962. E non esquezamos que se trataba dunha sección do partido político «Falange Española Tradicionalista y de las JONS» que fora creada polos franquistas para o recrutamento e adoutrinamento político dos mozos españois segundo os principios do «glorioso Movimiento Nacional».
Velaí para escarnio da memoria histórica dos neofranquistas de Cee, que ben podían aprender do acontecido noutras localidades, como Palma de Mallorca, onde o CEIP Eugenio López pasou en 2011 a denominarse CEIP Aina Moll i Marqués, nome dunha prestixiosa filóloga e docente da lingua catalá, como se pode ler no Diari Balears.
Remato esta glosa con outro testemuño gráfico, dos moitos que se poderían lembrar. O diario barcelonés La Vanguardia, naquela altura aínda nomeado La Vanguardia española, na súa portada do xoves 8 de agosto de 1963, presentaba a Eugenio López coa súa amada «camisa azul».
As hemerotecas non menten.
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
EugenioLópez2

Esta entrada foi publicada en Historia, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.