Os exemplares asinados do poemario Gameleiros, con fotografías de Manuel Álvarez, viaxan para A Guarda e Compostela

Gameleiros
As persoas que seguen esta bitácora saben que non celebramos a figura de Xosé Fernando Filgueira Valverde (cuxa biografía é ocultada parcialmente na páxina da súa Fundación) este 17 de maio, Día das Letras Galegas, e que nos sumamos a aquelas entidades e persoas que lembraron o incómodo (para algúns) pasado de filiación franquista do homenaxeado.
A nosa celebración alternativa consistiu en realizar un sorteo de dous exemplares asinados do poemario Gameleiros (2002), con fotografías de Manuel Álvarez, en fermosa edición xa descatalogada por Xerais. Para participar había que lle dar axeitada resposta a esta sinxela pregunta. E antes recoméndavos a lectura do artigo «A RAG homenaxea un franquista» publicado polo profesor e crítico Manuel Rodríguez Alonso na súa bitácora Bouvard e Pécuchet.
Cal dos seguintes episodios non forma parte da biografía de Xosé Fernando Filgueira Valverde?
a) Foi unha das grandes figuras da escindida do PG, Dereita Galeguista.
b) Testemuñou a prol de Alexandre Bóveda no xuízo que o condenou a morte.
c) Colabora cando está de catedrático no instituto de Lugo como censor-expurgador das bibliotecas públicas e docentes da provincia.
d) Formou parte do novo grupo dirixente na provincia de Pontevedra, realizando uns incendiarios discursos e panexíricos dos sublevados en Radio Pontevedra.
e) Foi membro dos comités de represión do profesorado na provincia de Pontevedra.
f) Foi procurador en Cortes.
g) Foi alcalde de Pontevedra entre 1959-1968.
E as respostas debían enviarse como comentario na propia anotación do blogue crebas.gal,
nun chío coa palabra-chave ou hashtag #Filgueirafranquista
ou nunha mensaxe directa dirixida á conta de twitter @MiroVillar indicando un enderezo de contacto.
A resposta axeitada, porque non fai parte da biografía de Filgueira Valverde era:
«b) Testemuñou a prol de Alexandre Bóveda no xuízo que o condenou a morte»
E houbo seis persoas que atinaron, unha a través de comentarios na bitácora e as outras cinco fixérono nun chío ou nunha mensaxe directa na conta de twitter @MiroVillar.
Moito me agradaría que todas elas recibisen exemplares do libro mais non era posible e, coa axuda da man cega de Mar Cabaneiro, foron sorteados dous entre as respostas atinadas. Cada exemplar leva a sinatura do autor e unha agarimosa dedicatoria especial para a persoa que o gañador ou gañadora sinale e esas dúas persoas foron:
@carapucha (Raquel de Penas, Raquel López Veleiro. Compostela)
lois@aguarda.com (Lois Rodríguez Lomba. A Guarda / Madrid)
Obrigado, moitas grazas a todas as persoas que participaron no sorteo.
E moitos parabéns ás dúas persoas premiadas e a gozardes coa lectura!

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Lingua, Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.