Os exemplares asinados do poemario Gameleiros, con fotografías de Manuel Álvarez, viaxan para Noia e Pontevedra


As persoas que seguen esta bitácora ou a miña conta de Twitter @MiroVillar puideron participar no sorteo de dous exemplares asinados do poemario Gameleiros (2002), con fotografías do guardés Manuel Álvarez, en fermosa edición xa descatalogada por Xerais, para así celebrarmos un novo ano 2017 e tamén que este blogue xa chegara até 1136 anotacións ou artigos nesta xanela aberta ao mundo o 28 de xuño de 2011.
Para participar había que lle dar axeitada resposta a esta sinxela pregunta:
Un dos gameleiros ten por alcume Che, que tamén é o nome da súa embarcación. A que se pode deber esta nomeada?
a) Por ser seareiro do Valencia CF.
b) Polo seu uso do pronome átono de dativo ou CI.
c) Por ser un nome de orixe hebrea.
d) Polo pronome relativo italiano.
e) Por Ernesto «Che» Guevara.
E as respostas debían enviarse como comentario na propia anotación do blogue crebas.gal
nun chío coa palabra-chave ou hashtag #CheGameleiros
ou nunha mensaxe directa dirixida á conta de twitter @MiroVillar
A resposta axeitada era e) Por Ernesto «Che» Guevara.
E non debeu ser doado, contra o que eu pensaba, porque case houbo máis respostas erradas que deron na ferradura que aquelas que bateron no cravo. Moito me agradaría que todas elas recibisen exemplares do libro Gameleiros mais non era posible e foron sorteados dous entre todas as respostas atinadas. Cada exemplar leva a sinatura do autor e unha agarimosa dedicatoria especial para a persoa que o gañador ou gañadora sinale e esas dúas persoas foron:
Severiano Pérez Suárez, de Noia, nun comentario na bitácora.
@anxossobrino (Anxos Sobriño Pérez, Pontevedra), a través do Twitter.
Obrigado, moitas grazas a todas as persoas que participaron no sorteo.
E moitos parabéns ás dúas persoas premiadas e a gozardes coa lectura!

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.