«Os cruceiros da Bretaña que percorreu Castelao», por Santiago Garrido



O xornalista Santiago Garrido (@santiagogrial) asina unha ben boa e documentada reportaxe en castelán intitulada «Los cruceiros de Bretaña que recorrió Castelao» no suplemento Culturas de La Voz de Galicia o pasado sábado, 7 de setembro, no que fai unha viaxe artística, histórica e literaria seguindo as pegadas do escritor rianxeiro, quen en 1929 percorreu a Bretaña, Breizh, e analizou e debuxou os cruceiros no seu volume As cruces de pedra na Bretaña (1930, redeitado por Galaxia desde 1992 a hoxe), do que hai un excelente traballo videográfico na canle YouTube do que descoñezo autoría.
A reportaxe vai ilustrada con fotografías do propio xornalista acarón dos debuxos de Castelao en miniatura, para compararmos o estado actual dos cruceiros (en perfecta conservación, por outra parte).
A crónica completa tamén se pode ler e visualizar nestes documentos pdf facilitados polo autor, a quen agradecemos a súa achega xenerosa:
VozCulturas7-09-13(1)
VozCulturas7-09-13(2)
Nunha columna intitulada «Unha materia de inspiración permanente para autores gallegos» Santiago Garrido fai unha breve referencia, que agradecemos e estimamos, ao noso poemario Breizh entre as obras que atoparon inspiración na nación bretoa e nos seus cruceiros en particular. Velaquí o parágrafo:
«Tal vez el más militante haya sido Cunqueiro, pero pocos notables del siglo XX han dejado de beber de la fisterra francesa. El último, posiblemente ya a estas alturas el penúltimo, el ceense Miro Villar, con el poemario Breizh, editado por Toxosoutos».
En efecto así é, como sinala o cronista, e neste volume de versos non podían estar ausente as cruces de pedra que nos explicou o historiador e novelista Xosé María Lema Suárez naquela viaxe do Seminario de Estudos Comarcais (Semescom) en agosto do 2007, e que foron fonte de inspiración para este haiku:
PLEIBEN, GWIMILIO OU PLOUGASTELL-DAOULAZ
Libros de pedra
iluminan as sombras,
paixón de Cristo.
Do Limiar que o propio Lema Suárez escribiu para Breizh, tamén saliento este parágrafo:
«Os ‘calvarios’ dos adros parroquiais rurais (Pleiben, Gwimilio, Plougastell, Tronöen, Saint-Thegonnec…) son, como di o poeta, libros de pedra para adoutrinaren as xentes iletradas. Xa sabiamos deles, xa nos eran familiares, por Castelao, que para iso viaxara a Breizh en 1929 para nos achanzar o camiño: n’As cruces de pedra na Bretaña (1930), están todos os case todos, xunto con moitos cruceiros e cruces.
Os adros parroquiais de Bretaña son verdadeiros centros artísticos da zona rural e gozan de protección; en Galicia cregos e freguese compiten a ver quen estraga antes estes recintos erguendo panteóns de cemento cada vez máis altos, que mesmo estorban a visión da arquitectura exterior dos templos».

Esta entrada foi publicada en Arte, Historia, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.