«Os artigos literarios de Baldomero Cores Trasmonte no diario vespertino La Noche», en Grial 243

No último número, 243 (xullo, agosto e setembro do 2024) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» un texto intitulado «Os artigos literarios de Baldomero Cores Trasmonte no diario vespertino La Noche», que xa tivera unha versión previa no dixital comarcal Que pasa na Costa.

Este número 243 centra os seus contidos monográficos no tema «Do caos á concordia. O desafío da convivencia», baixo a coordinación do historiador Grial Parga, quen tamén asina o texto introdutorio coa epígrafe «Conflitos globais e locais: da inseguridade internacional á cotidianidade ignorada» e ao que seguen os artigos de Brais Suárez «A cruzada interna de Rusia»; de Juan Elías Vergara «Nagorno-Karabakh: a fin dunha república» e o propio Grial Parga pecha este monográfico co texto «O eterno conflito».

Na sección «Debate» Álvaro Domínguez asina o artigo «A síndrome do impostor no neofalante».

Deseguida na sección «Ciencia e Técnica» Jorge Mira asina o texto «A conexión solar entre a Costa da Morte e Nachikatsuura (O Xapón)».

A sección de «Documentos» recolle o traballo de Uxía Iglesias «Unha travesía portal con Anisia Miranda».

Neste novo número, as páxinas de «Creación» achegan a colaboración de Ana Varela cun fragmento da súa novela Runrún e varios poemas do libro As flores do baleiro, de Medos Romero.

Javier Ares Espiño e Uxía Bolaño Amigo asinan conxuntamente na sección de «Música» o texto «No outro lado da música. Luía Villalta. Aproximación á súa traxectoria musical e vinculacións cos compositores Carlos López García-Picos e Paulino Pereiro».

Por parte na sección «Educación» Antón Costa Rico asina o artigo «Galego na escola. Feitos e procuras. Derrubando balados (1963-1976».

As habituais recensións literarias da sección «O espello das letras» complétanse cos artigos de Xosé Manuel Dasilva «Un libro prodixioso. Cantiga nova que se chama Riveira»; «A novela de Rosalía de Castro vista por Otero Pedrayo e a recepción rosaliana en Alemaña» que asina Christian Switek e péchase cos artigos de Juan Soto «A breve aventura de Ronsel. Centenario dunha revista lucense» e «Mensaxes de resistencia e poesía. Buchenwald e os poetas franceses na revista viguesa Mensajes de Poesía», que asina María Lopo, alén da miña propia achega e «O misterio Fole» que asina Constantino Bértolo.

A maiores na sección «Crónica» aparece o texto «Carta do Senegal. Da teranga ao desterro e á esperanza do presente», da autoría de Roberto Pascual e Daniel Bóveda.

A seguir na sección «Arte» Marc Wouters escribe sobre «Artefactos. As manciñas de Amberes».

Pechan o volume a sección «Feminismos» onde as autoras do colectivo Gráficas en Negro Ana María Rodríguez, Maite Prida, Mari Carmen Estevan, Pilar Larrotcha, María Jesús Bonafonte, Sonia de la Iglesia e Uqui Permui escriben sobre «Deseño con mirada feminista. Non será global, nin para todas as persoas, se non deseñamos con perspectiva de xénero» e por último a sección de «Historia e Memoria» co texto «Os acibecheiros composteláns. Auxe, desaparición e renacemento (1300-2024)» que asina Ángel Cardín.

Velaquí o contido da miña colaboración neste número:

Os artigos literarios de Baldomero Cores no diario vespertino La Noche

Decorreu xa unha década desque finou na noiteboa Baldomero Cores Trasmonte (Cee, 1929 – Santiago de Compostela, 2014), quen fora catedrático de Socioloxía na Universidade de Porto Rico entre 1968 e 1983, e na súa volta o primeiro letrado do Parlamento de Galicia desde ese ano ata a súa xubilación. Foi autor dunha prolífica obra ensaística tanto en galego e en castelán, na que sobrancean títulos sobre dereito autonómico, teoría política ou comunicación social, mais tamén os seus rigorosos estudos biográficos sobre Ramón Suárez Picallo, Ramón de la Sagra, Enrique Rajoy Leloup, Luís Porteiro Garea ou Alfredo Vicenti, aínda que o seu primeiro libro publicado fose unha obra de creación O corroncho de David (1961). E completou as súas achegas con numerosas colaboracións na prensa periódica, xénero polo que nos ten confesado persoalmente a súa estima. De primeiras nos desaparecidos La Noche e El Pueblo Gallego, mais logo nas cabeceiras Faro de Vigo, El Correo Gallego e La Voz de Galicia, escribindo dos máis diversos temas, con preferencia pola cultura, a arte e a historia ou a literatura.

Neste artigo percorremos os textos que asinou no diario vespertino La Noche, publicado en Santiago de Compostela entre os anos 1946 e 1967 e que durante un breve período (de outubro de 1949 a xaneiro de 1950) tivo un dos mellores suplementos semanais na historia da prensa galega. De preponderancia literaria, aínda que abríndose a outras temáticas relacionadas cos intereses da sociedade galega, chamouse La Noche. Suplemento del sábado e a súa dirección e coordinación estivo nas mans de Salvador Lorenzana (pseudónimo de Francisco Fernández del Riego) e de Santiago Fernández (pseudónimo de Xaime Isla Couto), dous homes que habían ser fundamentais na fundación da Editorial Galaxia o 25 de xullo de 1950.

De feito, na reprodución de La Noche. Suplemento del sábado (Edición facsímile do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro. Santiago de Compostela: 1996), Baldomero Cores Trasmonte escribe, co título «A codificación da galeguidade en anos difíciles (1949-1950)», unha excelente crónica do mundo cultural e literario dos anos cincuenta, de lectura imprescindible para coñecermos que non todo era un ermo no ecuador do franquismo e que o galeguismo estaba a rearmarse desde as trincheiras culturais.

Baldomero Cores era moi novo, aínda estudante, e a súa sinatura non aparece no Suplemento, mais foi un asiduo colaborador do diario vespertino La Noche, onde publicou varios artigos de temática diversa, de feito o primeiro que localizamos versa sobre un tema deportivo «Juego duro y su represión» (28/03/1953), que analiza desde o punto de vista legal. Entre os artigos, alén dos de música, de arquitectura (Salamanca, Alacante…) ou dos de arte que lle dedica a pintores como Carlos Maside, no que atinxe ao mundo cultural e literario cómpre salientar:

«Biografía perenne» (11/04/1953) centrado nas biografías de Zweig aborda as dificultades do xénero.

«Rodembach y Viqueira» (30/05/1953) de interese por relacionar a poética do simbolista francés Georges Rodenbach e do galego Xohán Vicente Viqueira, filósofo e pedagogo a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1974, e do que falará en posteriores traballos como nun amplo artigo publicado no Xornal electrónico da USC, no que tamén hai referencias a unha moi pouco coñecida revista de vida efémera que dirixiu denominada Atenea.

«Leyendo a los buenos» (04/07/1953), unha recensión de Anilina e Átomo, dúas obras de Karl Aloys Schenzinger, onde lembra o cheiro a balea podre da factoría baleeira de Caneliñas.

«En torno a “Mujeres Soñadas”. Genio e ingenio de René Clair» (10/07/1953), unha análise da mentada obra do cineasta e escritor francés, cuxo título orixinal era Les belles de nuit.

«La tradición jacobea en el Finisterre. Duyo, la ciudad asulagada, y Mugía con su barca de piedra» (31-12-1953).

«”Filosofía de la existencia”. Un libro revelador» (27/11/1954), recensión da obra do filósofo alemán Otto F. Bollnow.

«Envío supersónico» (03/03/1954), sobre a película La barrera del sonido (The sound barrier), dirixida por David Lean e producida por A. Korda.

«Del libro al hombre» (27/03/1954), centrado no mundo das bibliotecas e dos bibliotecarios.

«Existencias inexistentes. Para Castroviejo y Cunqueiro» (07/05/1954), no que para falar da Santa Compaña relata unha experiencia persoal que lle acontece onda a Fábrica de Carburos.

«Gestación de un arte visual» (10/06/1954), sobre a primeira película en cor de Jean Renoir El río (The river), que relata un drama dunha moza inglesa nunha India aínda colonial.

«Radiografía de la tienda» (06/09/1954), describe a curiosa tenda zamorana que denominan «O Pazo da Saudade» e bota man dos versos de Rosalía de Castro.

«Sociología de la elocuencia. I. El discurso» (07/04/1955) e «Sociología de la elocuencia. I. La conferencia» (15/04/1955), que dedica a dous magníficos oradores, Ramón Otero Pedrayo e Domingos García-Sabell.

«Influencia de Concepción Arenal sobre la Pardo Bazán. Posibilidad de una ciencia galaica» (16/03/1956) ou «El ensayo de Concepción Arenal» (24/11/1956).

«”Iglesias fisterranas”. Estudiadas por José Ramón y Fernández» (09/03/1957), unha recensión da mentada obra de Fernández Oxea, onde Baldomero Cores reivindica os estudos precedentes de Esmorís Recamán. Hai unha interesante resposta de Juan Romero un mes e medio despois (24/04/1957) sobre San Marcos de Corcubión (cita o médico de Toba Juan López Bermúdez).

«Homenajes sentimentales y homenajes prácticos» (19/04/1957), unha crítica sobre a realización dalgunhas homenaxes literarias, con especial mención a Rosalía de Castro.

«La Costa de la Muerte en el Arte» (20/07/1957), onde analiza os cadros de Garabal (Manuel López Garabal) e de Concha Vázquez. Garabal era colaborador tamén do Suplemento e no nº 8 (sábado, 3 de decembro de 1949) publica «Mozas de Fisterra» (Ilustración e texto).

Tamén é de sumo interese outro moito máis breve, coa epígrafe «Incunables futuristas», no que reivindica a publicación dun libro inédito de Juan Pernas Leira, do que sinala que publicou os seus primeiros poemas en castelán en Nemancos, a revista que dirixiu o propio Cores Trasmonte en 1953-1954, e os primeiros en galego na revista Vamos.

Alén diso, salienta o artigo no que fala da poesía de Rosalía, de Gonzalo López Abente ou dos “vangardistas” Manuel Antonio e Amado Carballo. (31/12/1953).

Nos anos posteriores, por circunstancias biográficas, a súa feraz colaboración con La Noche vaise facer moito máis esporádica, porén quixera rematar coa lembranza do seu artigo «La poesía y el mar» (29/09/1963), no que cita a presenza mariña en escritores de diferentes épocas, desde Martín Códax até Amado Carballo ou Manuel Antonio. Sen esquecer a súa propia orixe costeira (que o levaría a ser Cronista Oficial de Cee ata o seu pasamento) nun parágrafo cita os autores que reflicten nos seus versos a Costa da Morte:

La Costa de la Muerte, que tiene poca novelística, posee, en cambio, una gran aportación poética. Pondal nos da una versión muy sugerente del mar en la parte septentrional de la Costa de la Muerte. Antón García Zapata [sic], un poco más abajo, también insiste en lo mismo, pero con un sentido marinero más amplio, por lo que convendría reconocer con mucho cuidado la presencia de este magnífico y sutil poeta. Y ya en pleno corazón de la Costa de la Muerte, entre Vilán y Finisterre, está López Abente, el mejor cantor del mar gallego.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Estudos literarios, Memoria Literaria. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta