Opinión política? Non, graciñas


(Premer na imaxe para unha mellor visualización)
CULTURA NA COMARCA 1 (PDF)
CULTURA NA COMARCA 2 (PDF)
A pasada semana recibín un convite da delegación comarcal en Carballo do xornal La Voz de Galicia para lle dar resposta a un inquérito que ía facer parte dunha serie denominada «retos do 2012», que se están a publicar os domingos a dobre páxina e na que dan a súa opinión alcaldes, deputados, empresarios e outros persoeiros. A min convocóuseme seica como «destacado escritor da Costa da Morte», e a pregunta viña sendo: Cales son os teus? No teu caso (novos libros, traballos, proxectos..) e, incluso se queres, tamén cales deberían ser os da comarca?
Dei unha resposta breve, tal e como se me solicitou, e este domingo viu a luz (como se pode ler nos dous pdf que me enviou Viki Rivadulla, a Técnica de Cultura do Concello de Muxía). Para a miña sorpresa observo que o texto publicado omite (ou censura?) a miña opinión política. A desculpa será a de sempre, non había espazo, porén na miña opinión iso era precisamente o máis importante que eu quería achegar, xa que falaba da desexable e necesaria rexeneración da vida política da Costa da Morte.
Aquí, sen tesoiras, vai o texto completo e saliento en negra o derradeiro parágrafo:
No ámbito da creación literaria debería ser o ano no que vise a luz o meu poemario BREIZH, unha especie de caderno de viaxes poético ás terras da Bretaña que escribín hai uns anos e que estaba xa maquetado nunha editorial que pechou a súa colección de poesía por mor da crise e agora está no plano de proxectos doutra editorial diferente.
Tamén é un ano para avanzar e darlle moito pulo á edición da POESÍA GALEGA COMPLETA de Gonzalo López Abente que se debería publicar no 2013, cando se fan 50 anos do seu falecemento.
No ámbito social desexaría que se concretasen proxectos de desenvolvemento sostible e sustentable para a Costa da Morte que coutasen de maneira definitiva a sangría histórica de emigración que sofre a nosa comarca. Creo que facemos parte dun fracaso colectivo, ao non sabermos artellar oportunidades que vaian alén do turismo, esquecendo que aquí é completamente estacional e que dura un mes ou como moito dous, e iso non pode ser factor primordial de desenvolvemento, se acaso unha trabe máis para erguermos o futuro da Costa da Morte.
E no ámbito político que a xudicatura tivese a mesma présa (coma tiveron para lle axustar contas ao xuíz Garzón) en facer públicas as sentenzas do caso Prestige e da operación Orquestra depurando todas as responsabilidades económicas e mesmo enviando á cadea a quen lle corresponda no cumprimento da lexislación.

Esta entrada foi publicada en Entrevistas, Poesía, Política, Roteiros. Garda a ligazón permanente.