Obrigado, moitas grazas, Miguel Brotóns



(Primeira páxina da partitura do compositor Miguel Brotóns sobre o poema de Gonzalo López Abente «O meu mar», e fotografía ao seu carón no Consello da Cultura Galega o 10 de maio do 2012. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
As actividades da primeira xornada do cincuentenario do pasamento de Gonzalo López Abente celebradas na tardiña e noitiña do pasado sábado, 13 de xullo, tiveron o seu cumio coa estrea mundial da partitura musical que o compositor Miguel Brotóns realizou do poema de Gonzalo López Abente «O meu mar», na voz da soprano Teresa Novoa e o pianista Alejo Moledo. A partitura completa está ao voso dispór nesta ligazón páxina da Fundación Gonzalo López Abente, organizadora dos actos.
Non puidemos transmitirlle ao compositor os nosos parabéns, porque motivos persoais impediron a súa presenza no concerto, mais esta anotación quere renderlle público agradecemento e tributo polo seu magnífico e desinteresado labor de introducir os versos de Gonzalo López Abente no mundo da música culta, a carón doutros poetas. De feito o concerto incluíu moitas composicións de autores galegos, entre as que sobrancearon, por seren as máis coñecidas para a maioría dos asistentes, «Negra sombra», con letra de Rosalía de Castro e música de Juan Montes, e «Lela», con letra de Castelao e música de Rosendo Mato Hermida.
A miña feble formación musical, algo que sempre botei de menos, non me permite emitir xuízos de especialista sobre a proposta de Miguel Brotóns, mais a xulgar pola interpretación da soprano Teresa Novoa e o pianista Alejo Moledo, faime acreditar que a composición é sublime e mestura momentos de calma e de forza interpretativa na estrofa na que se invoca o mar, seguida novamente da calma en recitado. Dáme a impresión persoal que Miguel Brotóns, de orixe mediterránea pois é alacantino, soubo recoller moi ben o espírito deste atlántico «gran creadore dunha eterna traxedia», como remata o marabilloso poema de Gonzalo López Abente. E así o soubo entender o público que asistiu á estrea co seu prolongado aplauso.
Alén diso, a miña gratitude é dobre porque previamente a esta estrea puiden escoitar por vez primeira a partitura musical creada polo compositor Miguel Brotóns sobre o meu soneto «Negación de Ulises e Teseo», do libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998), que xa reproducimos nesta bitácora e que fan parte do libro Dezaseis cancións para voz e piano editado polo propio Consello da Cultura Galega en colaboración coa Asociación Galega de Compositores, dentro dos actos que conmemoraban o XXV aniversario desta agrupación. Esta peza sobre o soneto da miña autoría tivo a súa estrea o sábado 15 de decembro do 2012 en Ourense, mais outras obrigas non me permitiron a presenza nese concerto, onde tamén foi interpretada na voz da soprano Teresa Novoa, acompañada ao piano por Alejo Amoedo.
E eu, coñecedor das moitas horas de labor compositivo que hai detrás destas partituras de Miguel Brotóns síntome na obriga de testemuñar desde esta bitácora o meu agradecemento persoal e o meu afecto por lle poñer música ao poema de Gonzalo López Abente que máis estimanza me produce.
Obrigado, moitas grazas, Miguel Brotóns.

Esta entrada foi publicada en Música, Poesía, Presentacións, Xornadas. Garda a ligazón permanente.