Obrigado, moitas grazas ás persoas que deron apoio ao proxecto de crowdfounding de Entre as zocas e os lóstregos, o novo disco de Nacho Mora


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Hoxe é día de agradecementos para as persoas que o van facer posible coa súa colaboración económica, pois onte remataba o prazo para facer parte do proxecto de crowdfounding ou microfinanciamento colaborativo do novo disco de Nacho Mora (A Coruña, 1975), Entre as zocas e os lóstregos, que inclúe como carta de presentación o meu poema «Foi nas Illas Lobeiras…» xunto a outros textos de poetas galegos, clásicos e contemporáneos, como Eduardo PondalRamón CabanillasÁlvaro CunqueiroCelso Emilio FerreiroUxío NovoneyraAna RomaníBaldo Ramos ou Estíbaliz Espinosa. De feito, na promoción do proxecto do disco (da que xa falamos aquí e acolá no seu lanzamento) tamén se pode escoitar a interpretación inspirada no poema «Noivado IV» de Álvaro Cunqueiro, que reproducimos abaixo, autor ao que tamén corresponde o verso que lle dá título a este disco.
Nacho Mora, antigo membro de Los Covers, Elephant Band ou Meu, completou xa o proceso de crowdfunding na plataforma My Major Company, sobrepasando os fondos que reclamaba para lanzar o seu primeiro traballo en solitario: Entre as zocas e os lóstregos, gravado en Lloria Estudio, Xixón, con produción de Xel Pereda, músico do grupo folk asturiano Llan de Cubel. Foron recadados 4132 euros, un 103% do total e entre os seus investidores ou mecenas contou con persoas moi coñecidas e con moita xente anónima.
A todos eles e elas a miña gratitude persoal, pola parte que me corresponde.
(Videocreacións sobre o meu poema «Foi nas Illas Lobeiras…» e sobre o poema «Noivado IV» de Álvaro Cunqueiro)

Esta entrada foi publicada en Música, Poesía. Garda a ligazón permanente.