O xeito, unha arte artesanal que tamén defenden os poetas (II): Alexandre Nerium

XeitoNerium
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Alexandre Nerium, poeta e conservador e guía do Museo da Pesca da Fisterra, protagonizou unha maxistral explicación do xeito como arte artesanal pesqueira no programa da TVG «Vivir o mar», que goberna de maneira magnífica o xornalista e tamén escritor Xosé Durán.
O programa completo pódese ollar nesta ligazón e foi emitido o 23 de novembro de 2014. E a intervención do fisterrán Alexandre Nerium, que inclúe para rematar a lectura do seu poema «O xeito faise ao mar sen despedida», do libro Vogar de couse (Espiral Maior, 2003), vai desde o minuto 19:12 até o 29:38, no remate. Fagan o favor de non o perder!
Deseguida reproduzo os versos do poema e agradezo inmenso ao seu autor a licenza para o presentar nesta bitácora.
O XEITO FAISE Ó MAR SEN DESPEDIDA
LANGUIDECERNOS preto da arnela sen area,
devorarnos o livro se a barlovento agrisa…
¿Paga a pena enxoitarnos coa fervenza?, ¿inda queda
Mañotos para pormos? O frieiro da ardentía
segue a arfarnos, levédanos co cuspe da ribeira.
Lesnorleste. Crepita a extenuación nas quillas
testas. O xeito faise ó mar sen despedida…
O padexar isócrono escabeza, amoréanse
os sons das brogas irtas; namentres escintila
no fondo o seu achado, cando a airexa podrece
como a guerla… O escumallo restaura algún batente
que estrambotee un prego de conversas. Efémero
rinchar, ese, o do carro que ri cando o ar desprende
somnolencia. Encomeza na tona… o ardor de sempre…
(da auga) na enfilación mendaz do cabeceiro.
…De cuberta, as sardiñas danzan, choutan…; debágaas
axiña aquel da pana que vén sendo o máis vello
de cuberta… En ringleira vanse arrombando, a xeito,
pé da popa, boireis descortizados, trallas
moles e os toros que saciaron ós patelos.
Veñen vindo pensando en ter a lúa: uns na Lama,
outros, no Consieiro… e, os de leste, na rada
de Carnota (mallaran de mareo nas fecheiras).
A xouba anda en barría xunto as rinchas. En terra…
viúvas regateiras agárdanos… se cadra.
Alexandre Nerium, de Vogar de couse (Espiral Maior, 2003)

Esta entrada foi publicada en Arte, Historia, Manifestos, Poesía. Garda a ligazón permanente.