«O verme Noel» de Xosé Manuel Lobato, ou unha recensión que non o é


O meu caro amigo Xosé Manuel Lobato vén de publicar na súa columna quincenal «Lucerna da Portela» no xornal Galicia Hoxe un artigo intitulado «O verme Noel», no que reflexiona en forma de párabola sobre a próxima xornada do domingo 21 de outubro. O texto semella en aparencia unha serodia recensión do meu conto rimado infantil A cobiza do verme Noel, publicado por Galaxia o pasado ano, mais devén nunha caricatura da actualidade socio-política na nosa nación milenaria. Reproduzo deseguida a súa prosa:
LUCERNA DA PORTELA
O verme Noel
Como calquera outro líder da súa especie, Noel desprázase arrastrándose e con exasperante superioridade, mentres tanto argalla obsesivamente a forma de trepar e trepar ata acadar o que na súa escala de valores se considera o cumio.
O gran verme permanece sempre en campaña no país dos bechos, promete e promete, mais o seu é acaparar e acaparar, tenta disimular con gran esforzo, pero tanta avaricia transformada en gula termina por traizoalo e sempre queda en evidencia polos seus actos reflexos.
Os seus xa non o recoñecen… do prometido ao feito vai un treito, longos sendeiros libres que terminaban sendo a esencia da explotación, cobrando peaxe ou canon por servizos que non existían, mais ante tales atropelos esixía submisión e silencio.
Pouco tempo queimado necesitou o verme para convencerse de ser o gran mesías do pobo, gobernou e mandou sen escoitar a voz famenta dos seus, cobizoso coma ninguén imbuía os votos dos seus paisanos de forma convulsiva e insaciable.
Agrandada a súa sombra de salvador, proclamou as súas promesas, mais na realidade só prometía para tentar saciar a súa fixación de egocéntrico rei, todo un soño proclamarse rei.
As súas accións e comunicados eran emitidos cunha caducidade prefixada no estralampo novenario. Hoxe, nas vésperas da reflexiva reflexión un ideal do gobernador Noel; non é posible unha política social sen política económica.
Un verme deste tamaño e coñecementos é necesario en calquera país, pode que tamén imprescindible, pois o poder xa non corrompe en terras de augas turbias.
Noel, o cobizoso, necesitou tempo vello e augas cristalinas para ver a súa verdadeira imaxe e fuxir de pavor…
A súa historia é dunha riqueza excelsa e moi oportuna, un persoeiro insaciable nunha historia para provocar profunda reflexión dende A cobiza do verme Noel, título dun conto do poeta Miro Villar para nenas e nenos, as galiñas azuis espalladas polos eirados de Galicia agardan ansiosas peteirar en verme tan apetecible.

Esta entrada foi publicada en Infantil, Política, Recensións. Garda a ligazón permanente.