O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG), por medio do seu secretario de organización, o músico, narrador oral e poeta Lois Pérez Díaz, vén de se facer eco da nosa longa reivindicación ao entregar por rexistro no mediodía de hoxe mércores, 2 de setembro de 2020, un escrito onde solicita o cambio de nomenclatura e denominación do centro público de ensino CEIP Eugenio López (Cee, A Coruña).
No seu escrito, que agradecemos profundamente e que se pode consultar nesta ligazón do seu voceiro sindical, botan man de moitos datos exhumados no artigo intitulado «Máis sobre a vergoñenta denominación franquista do colexio público CEIP Eugenio López, de Cee» que recollemos aquí nesta bitácora e que tamén publicou o dixital Que Pasa na Costa.
É moi importante que continúen a engadirse voces que reclamen o cumprimento da Lei de Memoria Histórica para que un sobranceiro franquista deixe de lixar co seu nome un colexio público, case 45 anos despois da morte do ditador. Benvida sexa esta achega no día que se deu a coñecer unha sentenza xudicial que lexitima a devolución do Pazo de Meirás á cidadanía. Franquismo Nunca Máis!!!