O retablo da Barca na poesía de Gonzalo López Abente


(Retablo da Virxe da Barca, do escultor Miguel de Romay. Fotografía do antropólogo muxián Manuel Vilar Álvarez para o artigo «Especial Domingo Antonio de Andrade (IX): Mestre de mestres. A influencia da súa obra» do historiador ceense Víctor Manuel Castiñeira publicado en decembro do 2012 no dixital Que pasa na Costa)
Nas súas dúas versións, dixital e en papel, o xornal La Voz de Galicia, edición de Carballo, publican un artigo da miña autoría intitulado «O retablo da Barca na poesía de Gonzalo López Abente», que se pode ler nesta ligazón e que  tamén reproduzo deseguida. No xornal fanme figurar como vogal da Fundación Gonzalo López Abente, responsabilidade que agora non posúo, malia ser colaborador na excelente andaina desta entidade.
O retablo da Barca na poesía de Gonzalo López Abente
O incendio da igrexa santuario da Virxe da Barca en Muxía provocou a desfeita e a desaparición dun legado histórico e patrimonial, no que sobranceaba o retablo da autoría do escultor compostelán Miguel Romay.
O poeta Gonzalo López Abente, tal e como recollemos na súa Poesía Completa (Espiral Maior, 2012, en coedición coa Fundación López Abente), como muxián de nacenza tiña unha inmensa devoción polo santuario e pola súa Virxe. De feito, na década dos cincuenta publica varios poemas na revista Vida Gallega, que viña de iniciar unha segunda etapa en novembro de 1954 da man do editor Iglesias Presa, entre eles «No coroamento da Virxen da Barca».
Deixou sen publicar moitos versos que a honran. Será despois do seu pasamento (1963) cando vai ver a luz Monza de frores bravas para nosa señora da Barca. Trátase dun pequeno libro de poesías inéditas que publica a RAG no ano 1971, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas e do que salientamos o artigo «Presencia da obra de López Abente» que asina Salvador Lorenzana (seudónimo de Fernández del Riego) despois dos quince poemas, nun dos mellores e máis completos estudos sobre a biografía e a obra do poeta, que tamén inclúe un apartado para a súa obra en prosa.
Ademais leva unha introdución de Sebastián Risco, que xa prologara o libro Centileos nas ondas (1958) e que nesta altura era presidente da RAG, intitulado «No adral» do que tomamos estas palabras: «Gonzalo López Abente non tiña tocado deica entón en ningún dos seus libros príncipe de poesías, ao menos de xeito escrusivo e con unidade formal, o tema relixioso, nin adoitou poetizar a súa devoción á Virxen da Barca. Fai falla pescudar moito niles pra atopar composiciós dise tenor. Apenas unha, “A Pedra da Barca”, na que ise tema tócase tanxencialmente, en Escumas da Ribeira; outra, “O Santo Cristo de Fisterre”, en Nemancos. Ningunha máis poidemos alcontrar nin en Centileos nas ondas nin no seu libro póstumo Decrúa. Na súa obra, a paisaxe, enxergada dun xeito simbolista e cósmico que transparenta no poema “Nosa Señora a Terra”, é a verdadeira fonte de inspiración. E, sobor de todo, o mar, co que il se identificou en termos de posesión chamándolle “o meu mar”, foi o gran protagonista da súa obra poética».
Con todo, sen coñecermos a razón, os compiladores deste libro de quince poemas non inclúen a composición que Gonzalo López abente escribiu inspirándose no artístico retablo barroco construído en 1717 polo escultor compostelán Miguel Romay, poema que se publicou co título «Retabro da Barca», na revista Vida Gallega, 2ª Época, 46-47, xaneiro-febreiro de 1959. Velaquí:
RETABRO DA BARCA
A Miguel Romay, escultor santiagués
autor deste manífico retabro.
Lostregaron no souto escentileos
do aceirado sorrir da ferramenta.
Suspenso e trepezal o bosco alenta
e o xenio creador baixa dos ceos.
Renxer de serras, machadazos crúos,
toradas a rolar polas encostas,
as mans do artista a traballar dispostas
e os portentos en pé, ceibos e múos.
Castiñeiros do monte esnaquizados
en pezas ben miudas, ao Obradoiro
fóstedes polo boi marelo ou loiro
nos carros cantareiros carrexados.
E bebe a inspiración do seu poema
o poeta cantor en Compostela.
¡Pregaria a revoar na gran capela
en onde a Virxen nunha barca rema!
O sol, no lenzo azul, da a derradeira
pincelada de ensoño, e a pregar
cai de xoellos, devoto, na fogueira
onde se beixan o alto ceu e o mar.
As vagas de cristal rompen na orela
lixando o espazo nu de húmeda bruma,
e ao estreitaren de bruzos a capela
vese o milagre buligar na escuma.
Cantan os anxos arredor da Santa
que no seu camarín os abenzoa
e espertándose o eco tamén canta
e polas amplas bóvedas revoa.
O retabro de pé no Santuario
deixa o castaño, e de remate vai
orquestando os misterios do Rosario
o grorioso escultor Miguel Romay.

Esta entrada foi publicada en Arte, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Poesía, Tradicións. Garda a ligazón permanente.