
O artista plástico Nolo Suárez preparou durante os últimos meses unha nova exposición con cadros da súa autoría baixo a epígrafe «Libros intervidos artisticamente», que foi inaugurada onte, martes, día 3 de novembro, na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde permanecerá aberta até o vindeiro 18 de novembro.
Entre as intervencións plásticas desta nova serie está a que realizou sobre o meu poema «Notas manuscritas» (As crebas, Espiral maior: 2011. Premio de Poesía Concello de Carral, 2010). Agradézolle moito ao amigo Nolo Suárez o seu interese e que me permita reproducir a imaxe da súa pintura.
Antes velaí vai máis unha vez o devandito poema:
Notas manuscritas
Futuros palimpsestos as notas manuscritas que abandonas nos libros das poetas amadas, a perdérense incertas porque se anuncian tempos no que as bibliotecas serán Alexandría neste transo de oráculos que agoiran a derrota do libro como obxecto.
Dubidosa existencia. Impreciso o destino das notas manuscritas que descobren lecturas, moitas revisitadas, nas que os teus ollos limpos intimaron cos versos, nas que o pálpito suave do teu corpo delgado foi coma húmido xunco no limo da xunqueira, un tremor indomable na atonía das horas.
As notas manuscritas voan no inescrutable silencio que o refacho dun novo tacto creba.
