O poema «Es doce como o sono degolado» en versión trap de Jarno no «É un falar…», Blog do EDL do IES Leiras Pulpeiro

En «É un falar…«», Blog do EDL do IES Leiras Pulpeiro (Lugo), veñen de publicar a versión trap que realizou Jarno, alumno de 4º da ESO, do meu poema «Es doce como o sono degolado». Este soneto, que xa fixo máis de trinta anos. figura pechando a terceira parte intitulada «De ti e das palabras» do meu primeiro libro de poemas Ausencias pretéritas (Espiral Maior: 1992. Finalista do premio Esquío 1990), aínda que para este traballo foi recollido de Poetízate (Xerais: 2006), unha antoloxía preparada polo escritor Fran Alonso, vello amigo e compañeiro de proxectos como as Edicións do Dragón (xunto a Paco Souto), dirixida á mocidade e que tiña entre os seus obxectivos rachar cos prexuízos sobre este xénero literario, promovendo a súa lectura coma un acto de rebeldía e transgresión.

Deseguida reproduzo o meu soneto e a anotación que a compaña o vídeo no «É un falar…», Blog do EDL do IES Leiras Pulpeiro (Lugo), ao tempo que lle agradezo moito a Jarno (4º ESO) o seu interesante e sorprendente labor e tamén o seu tempo (a ver se che soben un puntimo na cualificación. Ha, ha) e á comunidade educativa e ao profesorado o seu interese por divulgar a poesía na nosa lingua.

X

Es doce como o soño degolado,

doce folla de aciro dun coitelo,

doce como a nudez do carambelo,

doce sangue vermello derramado.

Es doce como o verso encabalgado,

doce palabra libre e pesadelo,

doce como ese son do violonchelo,

doce canto, barítono do agrado.

Es doce como a noite pequerrecha,

doce casa común, tobo futuro,

doce como asubío dunha frecha,

doce zume, morango ben maduro,

doce como o sendeiro dunha crecha,

doce exaculación a ben seguro.

martes, 9 de febreiro de 2021

TRAPEANDO POESÍA

Esa é a orixinal proposta de Jarno, alumno de 4º de ESO, que realizou unha estupenda recreación do fermoso poema de Miro Villar, Es doce como o sono degolado. Combinar a literatura con outras artes (pintura, debuxo, vídeo, música, danza, fotografía…?) xa fora feito por autores e autoras dos tempos das vangardas. O noso alumnado continúa exitosamente con esta tendencia da que veredes máis mostras.

Información para os/as laretas! Reinounos tanto o vídeo de Jarno que contactamos con Miro Villar e enviámosllo para que o vise. O poeta respondeunos decontado expresando a súa grata sorpresa ao ver unha versión en trap dos seus versos. Nunca tal vira e gustoulle ben!

Parabéns, Jarno e moitas grazas, Miro, por ser fonte de inspiración para o noso alumnado.

E agora, gozade vós do trap Es doce como o sono degolado!

Esta entrada foi publicada en Gravacións, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta