O noso amor será eterno, de X.H. Rivadulla Corcón


De aquí a unha semana presentaremos un novo libro da Costa da Morte. O vindeiro sábado, 8 de outubro, ás 20,00 horas, no Salón de Actos do Voluntariado, de Muxía, a Fundación Gonzalo López Abente e Edicións Xerais de Galicia comprácense en convidarte ao acto de presentación do libro O noso amor será eterno, unha novela baseada na lenda da Buserana, de X.H. Rivadulla Corcón. O acto vai contar coa participación de Felix Porto (Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación Gonzalo López Abente), Viki Rivadulla (escultora, pintora e Secretaria da Fundación Gonzalo López Abente), eu propio (escritor e Patrono da Fundación Gonzalo López Abente), Manuel Bragado (Director de Xerais) e o propio Rivadulla Corcón. Na lapela da propia novela, editada na colección Fóra de Xogo, fáisenos unha sipnose do argumento: «O trobador Buserán tiña dezaoitos anos, era home forte, de mirada chea de nobreza. A súa amada, Frolinda tiña 16, posuía unha beleza que estremecía os seres sensibles e o seu corazón estaba enchido de bondade e xenerosidade. Sentiron que querían estar abrazados, cada un habitar nos brazos do outro, comprenderon que nada na vida tería sentido se non a vivían xuntos, xuraron que seguirían unidos, pasase o que pasase. Buserán prometeulle que a forza do seu amor non sería inútil e Frolinda aseguroulle que o seu amor sería eterno. Rocío e Ramón, veciños da mariñeira vila de Muxía, ese mascarón de proa da vella Europa, coñecerán no acantilado da furna Buserana a fermosa pero tráxica historia de amor eterno entre aquel trobador e a súa namorada». Agardamos a vosa presenza o vindeiro sábado en Muxía.

Esta entrada foi publicada en Infantil, Lendas e mitos, Narrativa, Presentacións. Garda a ligazón permanente.