A profesora Carme Ferreira Boo asinou este luns, 11 de decembro de 2021, unha anotación na páxina do suplemento de Literatura Infantil e Xuvenil «Elos de Lectura», que coordina Blanca-Ana Roig Rechou, na sección «Tendencias» do xornal compostelán El Correo Gallego para dar conta da reedición da novela infantil O nariz de Fiz, na colección Árbore da Editorial Galaxia.
Reproduzo deseguida o comentario de Carme Ferreira, a quen agradecemos as súas palabras, que tamén se poden ler nesta ligazón.
Galaxia reedita, con ampliacións, O nariz de Fiz
É unha boa nova que a Editorial Galaxia decidise editar e recuperar a obra O nariz de Fiz (2020) do escritor Miro Villar (Cee, 1965) na súa colección “Árbore” dirixida a lectores de entre 10 e 12 anos que, desta volta, amplía o texto e conta coas ilustracións modernizadas de Emanuel Lomeña, substituíndo ás realizadas por Lola Lorente. Este divertido relato obtivo o V Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez, convocado pola Deputación de Ourense no ano 2008.
Villar bebe da contística popular para presentar un novo Polgariño, chamado Fiz, fillo dun matrimonio de labregos moi pobres, que, malia ser miope, miúdo e moi pequeno, ten un don especial, xa que conta cun excelente olfacto que lle permite saír vitorioso de emocionantes aventuras. Ademais de facer unha magnífica reescritura lúdica da narrativa de transmisión oral, tamén aproveita para denunciar o despoboamento do rural galego.
Carme Ferreira m.fboo@udc.es