O nariz de Fiz, entrevista en Radio Fusión

A cadea de emisoras locais galegas Radio Fusión, neste caso a través de Radio Fene, a quen agradecemos o seu interese, emitiu unha entrevista para conversarmos da reedición da novela infantil O nariz de Fiz, na colección Árbore da Editorial Galaxia.

Antes de reproducir deseguida o podcast do programa radiofónico, que tamén se pode escoitar nesta ligazón, velaquí vai o texto de presentación no sitio web da cadea radiofónica Radio Fusión.

O nariz literario de Miro

21 de Xaneiro, 2021 – 10:04 h. | Publicada por Radio Fene

“O nariz de Fiz” de Miro Villar ten unha nova oportunidade na editorial Galaxia. As aventuras dun neno do medio rural do que falamos co seu autor, profesor de Língua e Literatura galegas, poeta, narrador, tradutor e dono do blog www.crebas.blogaliza.org, o mellor blog literario de 2012.

ESCOITA O PODCAST:

“Unha vez dous labradores

da aldea de Santa Uxía

tiveron grande alegría

cando a muller deu a luz

un neno por vez primeira

coa axuda da parteira”

Así, con coplas como esta, comezan os capítulos de “O nariz de Fiz” como unha chiscadela á literatura popular oral. O libro, co que Miro Villar gañara o premio da Deputación de Ourense “Pura e Dora Vázquez” publicado en 2008, distribuíuse nun ámbito moi reducido. Agora Galaxia publícao na súa colección Árbore. Afirma o autor que merecía esta outra edición na que muda un pouco o texto e se enriquece coas ilustracións de Emanuel Lomeña.

Preguntámonos que ten Fiz que non teña outro neno. Preséntase como un neno pequeno, miúdo e moi intelixente. Segundo o autor, “Ten unha habelencia no seu nariz grazas ao que vive unha serie de aventuras”. A tensión narrativa está asegurada, mantendo o interese dos lectores, como en calquera obra para adultos. Quizás hai que fiar máis fino e, en palabras de Miro Villar, a temática debe ser accesible para este público ao que hai que propor máis aventuras.

“O nariz de Fiz” suma 212 páxinas que se len lixeiras grazas á tensión conseguida, á división en capítulos curtos, ás ilustracións e á letra grande. Neste punto, Miro Villar explica que sempre veu a necesidade da creación literaria para un público infantil, máis sendo profesor, que non é literatura menor senón “un dos paus da baralla da nosa literatura”. Pon o exemplo de “Memorias dun neno labrego” que Neira Vilas non concibira de inicio para un público infantil.

Como estamos en tempos de pandemia é moi difícil promocionar un libro pola vía habitual, nas librarías. No mes de decembro a editorial pensou en presentalo no seu ámbito natural, un colexio do rural como é o colexio do Foxo na Estrada, de onde volveron moi contentos. “Eles fixérono todo. Lecturas, performances, música. Todos os grupos burbulla traballaron no libro”. Miro Villar soe abrir moitos fíos ao tempo. Anda na promoción de Fiz, anda nos estudos literarios, pero ten aberto tamén un poemario e a tradución dunha novela sobre un republicano de Ordes. Tendo en conta que é de “escrita bastante lenta”, segundo el mesmo recoñece, tempo ao tempo.

Esta entrada foi publicada en Entrevistas, Gravacións, Infantil, Narrativa, Premios, Radio. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta