«O Museo da Pesca / Alexandre Nerium», unha fermosa reivindicación de Xosé Henrique Rivadulla Corcón

RibeirasdeSalitre01
RibeirasdeSalitre02
(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
O escritor muxián Xosé Henrique Rivadulla Corcón vén de engadirse á xente da cultura que se está a pronunciar sobre o peche do Museo da Pesca de Fisterra coa publicación dunha ben fermosa reivindicación intitulada «O Museo da Pesca / Alexandre Nerium» no xornal La Voz de Galicia, edición de Carballo.
Precisamente este pasado domingo o programa da TVG que o propio Rivadulla Corcón dirixe e guioniza, Ribeiras de salitre, dedicaba o seu espazo a Fisterra e iniciábase cunha entrevista a Alexandre Nerium que non se debe perder (velaquí a ligazón). E deseguida reproducimos polo seu interese o mentado artigo de opinión co que concordamos absolutamente.
O Museo da Pesca / Alexandre Nerium
Museo da Pesca de Fisterra anda, por enfermidade, no pensamento de moita xente. Podemos comparalo cun enfermo agardando a que os doutores lle propoñan un tratamento, pero sen que cheguen a ver claro que tratamento, e mentres o enfermo empeorando. Non me plantexo de que xeito a Confraría de Fisterra, a Asociación Neria, e o Concello deberían chegar a un acordo no tratamento, aínda que si deberían atopar ese tratamento.
A cuestión que me importa é que nun pais tan falto de elementos con capacidade para crear sentimentos colectivos de unidade, para crear sentimentos de apego ao territorio, con forza para tecer confraternidades e construír orgullo do propio, o Museo da Pesca de Fisterra, sendo un elemento moi apropiado para crear todos estes sentimentos, parece condenado a ser unha ilusión que se perda na borraxeira como un pesqueiro á deriva que desaparece no mar.
E na Costa da Morte, e en Galiza, precisamos de sentimentos de orgullo, de confraternidade, de formar parte do territorio e de unidade. Pero Alexandre Nerium? Alexandre Nerium? Quería escribir o Museo da Pesca e o subconsciente traizooume e escribín Alexandre Neirium, ou sexa Manolo. Pero realmente traizooume o subconsciente? Pois non, o meu subconsciente foi fiel á verdade. O Museo da Pesca é Alexandre Nerium, Manolo. Así é, este Museo sen o poeta mariñeiro seguiría sendo un museo, claro, pero xa non tería a forza simbólica que transmite, porque o Museo da Pesca de Fisterra simboliza o espírito de supervivencia das xentes mariñas da Costa da Morte. Alexandre Nerium é un poeta desta costa que foi ao mar, traballou o mar, e segue co pensamento no mar, e a unión das dúas cuestións, poesía e mar, fan del un home exemplar para levar a diante a labor de dignificar o traballo da familia mariñeira que se pretende facer dende este Museo, porque el fala sempre cunha sensibilidade poética sustentada na paixón mariña. Se todos os homes e mulleres que amamos o mar e a Costa da Morte temos no Museo da Pesca un referente do que significa a cultura mariñeira é porque Alexandre Nerium nos fala do seu Museo e nos contaxia o seu amor polo que se conserva no Castelo de San Carlos, lugar físico do Museo, que é o pouso de séculos de duro esforzo de homes e mulleres que arrincaron do mar o xeito de construír a vida deles e das súas familias. E os que temos a costume de viaxar cada certo tempo a Fisterra e achegarnos ao Museo, ao que realmente imos é a pasar un tempo agradable de conversa con Alexandre Neirum, poeta salgado e mariñeiro de fonda sensibilidade.
Agora por el, por Alexandre Nerium, polo noso amigo Manolo, temos que movernos, abrazarnos con forza e facer todo o que nas nosas mans estea, axudando aos doutores para que este Museo siga coas súas portas e xanelas abertas a todos os ventos mariños durante máis anos que os que nos quedan a nós. A pervivencia do espírito da Costa da Morte despende tamén disto. E temos a obriga de ir visitar a o poeta ao seu Museo, aberto, durante moitos anos.
Xosé Henrique Rivadulla Corcón

Esta entrada foi publicada en Entrevistas, Gravacións, Historia, Lendas e mitos, Poesía, Roteiros, Televisión, Tradicións. Garda a ligazón permanente.